O intercambio de experiencias, as reflexións conxuntas e a boa disposición dos docentes implicados nesta actividade de fomento da lectura fixeron da xornada un encontro entrañable que deixa o seu pouso fermentar ata setembro. Boas prácticas que están conseguindo que ser lector e falar de libros entre a xuventude non só é posible senón ademais gratificante.
Alba Fuentes, compañeira e membro do equipo da Biblioteca tivo o privilexio de poder asistir á entrega dos Premios Nacionais en Santiago e vivir a emoción que alí se respiraba. Grazas a ela contamos con este artigo escrito pola súa curmá Oriana Méndez Fuentes brindándonos xenerosamente a súa colaboración.
Unha entrega histórica
O pasado sábado 14 de xuño, por volta das dez da noite, foron entregados os primeiros Premios Nacionais da Cultura Galega 2008 no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, nunha gala en que a música e a danza mesturaron con acerto elegante tradición e modernidade. O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; o vicepresidente, Anxo Quintana e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, foron os encargados de presidir o evento, no que tamén concorreros moitos outros representantes do Goberno e persoalidades públicas do mundo da cultura, feito que dotou ao acto da solemnidade que merece, pois esté é un acontecemento fundamental na nosa cultura. Débese reparar en que por vez primeira entréganse no noso país uns premios de carácter nacional, dispostos a recoñecer o labor dos nosos axentes da cultura, aquelas persoas e colectivos que fornecen o nosa historia. Nesta primeira edición, o xurado estivo composto por 15 persoalidades, e os dez galardoados foron os seguintes: o arquitecto Manuel Gallego Jorreto (na modalidade de Arquitectura e Espazos Públicos), o escultor Francisco Leiro (en Artes Visuais), a cantante Mercedes Peón (Música), o Museo do Pobo Galego (Cultura Tradicional e de Base), a profesora Margarita Ledo (en Cinema e Audiovisual) e o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín (Literatura), o edafólogo Francisco Díaz-Fierros (en Pensamento e Cultura Científica), a remodelación urbana de Pontevedra (na modalidade de Patrimonio Cultural), o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo (Artes Escénicas) e o Laboratorio de Formas (en Iniciativa Cultural). Na ceremonia de entrega, presentada por Sandra Tedín e Miguel Fernández, equipo do programa cultural Miraxes, destacou a sobrecolledora actuación musical de Mercedes Peón, que irrompeu no Pazo de Congresos coa potencia da máis profunda tradición, fuxindo de convencionalismos e levando a cabo unha verdadeira labor de creación que, de xeito ben meritorio, lle valeu o premio na categoría de Música. Nunha liña diferente, o músico M. C. García sorprendeu a todos ao recuperar os versos de Celso Emilio nunha clave de hip-hop defendida con orgullo, ritmo e decisión. Pola súa parte, os bailaríns do Centro Coreográfico Galego ofreceron dous treitos do seu espectáculo “Quiosco das almas perdidas”, acompañados pola música en directo de Mercedes Peón, enchendo a gala das doses exactas de diversidade e tradición. Finalmente, as actuacións de Xavier Díaz e dun cuarteto de corda da Real Filarmónica de Galicia, concluíron as intervencións musicais desta cerimonia. En palabras de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, que recolleu o premio á remodelación urbana de Pontevedra, “todos os premiados representan un impulso permanente á dignificación da nosa cultura”. Margarita Ledo, pola súa parte, desexou “o día que vexa unha película en galego subtitulada ao castelán". Sen dúbida, unha extensa e sentida ovación foi dirixida a Isaac Díaz Pardo, quen subiu ao escenario para recoller o Premio Nacional na modalidade de Iniciativa Cultural, e que conmoveu ao público coa súa presenza constante, unha vez máis, en prol da dignificación da cultura galega. A outra grande ovación foi para o premiado que pechou esta ceremonia histórica, Xosé Luis Méndez Ferrín, quen destacou que estes Premios Nacionais da Cultura Galega están “destinados a prevalecer polos séculos dos séculos”. Oriana Méndez Fuentes
Este fin de semana tiveron lugar en Santiago os primeiros Encontros sobre espazos lectores organizados pola Consellería de Cultuta e Deporte.
Geneviève Patte, asesora de entidades dedicadas á promoción da lectura por todo o mundo inaugurou estas xornadas. Sen medios, só cun cesto de libros escollidos, con afecto e regularidade é posible facer lectores. Insistiu na necesidade dun tempo para compartir as lecturas, da importancia da presenza dos pais, da aprendizaxe da mirada, ¿ que é o que lle fai a un neno amar tanto ese libro? O esencial está en sentir a calidez do libro para podela transmitir.
As bibliotecas escolares estivemos representadas por por Antonio Alonso e Loly Lago que falaron da animación á lectura na web social salientado o dinamismo e traballo colaborativo nas nosas bibliotecas e por X. C. Rábade que amosou a súa satisfacción pola boa acollida do Club lector Entre liñas entre o alumnado do seu centro.
Destacar o traballo de animación á lectura cos máis cativos de Espazo lectura en Gondomar dirixido por Concha Costas, así como as experencias de Carballo, Moaña , Oleiros e os Clubs de lectura de Pontevedra.
Interesante a experencia levada a cabo na Biblioteca de Almeida Garret en Porto arredor dos clubs de lectura coordinados por un comunicador que elixe un tema sobre o que xiran as lecturas.
Carmen Loriga pechou as xornadas dirixíndose ás familias como modelos referentes á hora de facer lectores. O afecto e un tempo adicado a ler cos fillos/as resulta esencial para poder transmitir esa paixón.
Só resta probar e poñer en marcha estas boas prácticas.
Heroína no sentido literal: unha loitadora, unha peleona, alguén capaz de descubrir por se mesma como axudar ao seu fillo drogadito, o segundo sentido do título. Na Galicia dos oitenta, é a historia dunha muller de Vigo, dunha nai e da súa vida, da súa asociación, das súas pelexas contra o narcotráfico; das súas alegrías e das súas tristezas, das súas vivencias, as súas loitas, as súas desilusións... Pilar entra en contacto con outros pais en situación similar que acoden a un centro municipal de axuda ao toxicómano, pero pronto se dá conta de que son moitas as cousas que teñen que cambiar para que o seu fillo se poida salvar.
Título orixinal: Heroína (2004) Dirección: Gerardo Herrero
Escribe Antonio Muñoz Molina esta semana en Babelia un artigo acerca da maestría e a popularidade dunha obra literaria, conceptos incompatibles para moitos escritores, pois o éxito dunha obra é argumento definitivo contra ela.
Non puiden deixar de asociar esta idea co fallo dos PREMIOS LITERARIOS que se acaban de otorgar. ¿ Son acaso os non premiados necesariamente malos? Estaremos de acordo na resposta. O que sí debe garantir todo xurado é a calidade dos elexidos.
E retomo as palabras de Muñoz Molina cando di que cada un faga o seu traballo, como sepa ou como poida, porque máis alá da páxina e do gusto ou o desalento de escribir non hai nada seguro, nin na calidade do que facemos, nin na resonancia que terá.
Parabéns aos premiados pois, e a seguir intentándoo a tod@s aos que a palabra vos seduce.
CATEGORÍA A 1º PREMIO: SARA VARELA FERNÁNDEZ. 2º PREMIO: Mª JOSÉ BOUZADA LAGE.
CATEGORÍA B 1º PREMIO:RUBÉN GARRIDO PRIETO. 2º PREMIO:NEREA BESADA NOVÁS.
CATEGORÍA C 1º PREMIO:YÉSSICA FONDO PÉREZ. 2º PREMIO:ROCÍO AGUÍN PRIETO.
CATEGORÍA D 1º PREMIO:ROSANA FILGUEIRA PIÑEIRO. 2º PREMIO:ROCÍO DOCE EIRÍN.
Por fin temos as fotos, e a lembranza da súa maxia, das súas palabras...
Máis comentarios:
UNHA FESTIVA TARDE DE XOVES
Queridos lectores, o xoves foi un gran día. Eu coma sempre, fun ás miñas clases ao Pardo Bazán, en Miraflores, impacente para poder asistir ao gran show. Ao terminar ás sete da tarde estiven esperando, e na entrada de atrás estaba un mozo moi raramente vestido, e, conforme veu acercándose lle preguntei se era o malabarista, ou...se salía así á rúa, díxome que nin de broma... tamén pregúnteille se o mechón de pelo branco era real e díxome que era cousa da idade, pero claro, era mentira. Fun preguntando quen era o malabarista, primeiro a Lupo, que me dixo que non, despois ao de lentes, tamén que non... Era o que máis tarde quedaría un pouco birollo. Mentres ensaiaban eu ía facéndolles preguntas segundo fóra mirando a cousa, como: -Ti es o chapon, non? -Ti es máis chapon que o outro, non? Aí foi cando o de lentes deume tres puntos. Máis tarde terminaron, e un pouco antes de que a xente entrase no auditorio, o do mechon púxose a facer de Fran Alonso, unha cousa moi graciosa... Empeza o show con Fran Alonso, o de verdade, que nos fala de que a lectura non é necesaria, pero que quen non le pérdese moito. O que máis me gustou foi o seu exemplo da azotea, que ler un libro é como estar nunha azotea, porque miras todo dende arriba. Despois de acabar Fran entrou en acción Pista 4, unha verdadeira bomba, entre as súas actuacións as que máis me gustaron foron a do barman, a da bóla e a do estriptis con malabares. Despois de entregar os premios deume moita pena xa que non sei se os volverei a ver. Eu non salín premiado, pero mereceu a pena ter ido ata alí.... Adrián Torres
O xoves vivín algo emocionante, Fran Alonso deunos unha charla sobre a lectura, o silencio e para que serven os escritores. Comentounos cousas importantes e díxonos que o silencio pode ser incómodo, pero tamén é bo telo á beira da paz e a tranquilidade. Había unha das frases que dixo que me pareceu moi interesante, di así: Non leades se queredes que vos digan o que tedes que facer, pero se queredes ser libres, lede. Outra cousa moi divertida foron as actuacións. Xa que creo que foi un triunfo recibir tantas visitas de pais, profesores e concursantes. Estes acróbatas e humoristas arrincaron uns aplausos, a través do seu traballo e empeño, que, seguro, púxolles a moral polos ceos. Para min foi unha honra quedar finalista, porque traballei moito para conseguilo e paréceme unha motivación enorme, encantaríame volver o ano que vén para loitar e intentar quitarme este sabor agridoce que me quedou ao non ser gañador. Adrián Barral
Pensaba que sería unha tarde normal (excepto porque sería no Emilia Pardo Bazán cos meus pais). Lara e eu sentámonos medio aburridas e puxémonos a xogar ao tres en raia. A charla de Fran Alonso foi moi profunda, pero resultoume un pouco longa. Polo demais estivo xenial. Non pensei que as actuacións de Pistacatro fosen ser tan divertidas. A mellor foi a última, e representouna Pablo, que casualmente era o que xa me gustou máis desde o principio, igual que os presentadores, que eran xeniais. Pero o máis incrible desa tarde foi o que eu menos me esperaba. Despois de que subisen ao escenario os finalistas da nosa categoría, os presentadores dixeron Segundo premio -¡Nerea Besada!-. Non mo podía crer, o meu nome estaba soando naquel auditorio cheo de xente. Tardei un pouco en levantarme e dirixirme ao escenario, vacilante como nunha nube. E alí arriba, no escenario, morríame de vergoña diante de tanta xente aplaudindo e mirando, estando ademais diante dos meus compañeiros. Case me fun correndo cando nos mandaron baixar, pero foi moi divertido. Encántame recordalo. Nerea
O xoves fun con Nerea á entrega de premios do certame literario e a verdade é que nolo pasamos en grande. Ao principio xogamos ao tres en raia porque nos aburriamos, pero logo empezamos a escoitar risas e ao levantar as cabezas xa non puidemos baixalas. O escritor Fran Alonso estivo contando moitísimas cousas, pero o que máis me gustou foi a súa forma de falar da literatura e os libros. Pero, o momento máis importante, e un dos máis vergoñosos (non para min, claro) foi cando Nerea subiu a recoller o premio ¡A súa CARA ERA DE FOTO! Tamén actuaron uns señores, que se chamaban Pista Catro, que eran graciosísimos. O mellor foi un que saíu en calzóns a facer malabares con diferentes músicas. Foi alucinante.Lara Bermúdez
Fran Alonso, é o escritor que nos deu un discurso na entrega de premios do IV Certame Literario. Falounos do poder da palabra, e que non era necesario ler no día a día, pero cando o facías, era como observar a cidade mais preciosa desde a parte superior do edificio mais alto tendo unha vista de todos os lados e vendo cada unha das rúas. Pista Catro, entregounos os premios, cunhas actuacións polo medio moi graciosas e entretidas, todos ríanse e admirábanos polo gracioso do espectáculo, e cando tiñan un fallo, sempre lles botaban a culpa ao público. Facían teatro e tamén nos ensinaron como se preparaba un cóctel sen alcol con malabarismos, e todo isto con moito humor. Sorprendinme moito cando dixeron que era un finalista, pois creo que a historia saíume mal, pero isto valeu a pena pois ao finalizar, Fran Alonso asinounos nos libros. Carlos
Onte fun á entrega de premios ao auditorio Emilia Pardo Bazán. Alí esperábanos un gran escritor Fran Alonso. Pareceume moi serio. El explíconos que en cada libro só un 20% é literatura. Tamén nos aclarou que ninguén pode estar máis dun minuto calado. Coma se o silencio non existise. Despois apareceron tres señores que pretendían divertir ao público e conseguírono, sobre todo na última actuación. Eles tamén entregaron os premios. No medio de cada categoría facían un espectáculo tanto de maxia como de humor. Eu non participei, pero gustoume ver como gañaban os meus compañeiros. Icía
A función no PARDO BAZAN foi increiblemente increible. Empezou co discurso do escritor Fran Alonso cuxo parecido coincidia co do meu profesor de matemáticas. Despois actuou "Pista Catro" que fixo unhas extraordinarias actuacións e tamén entregaron os premios. A actuación que máis me gustou foi a última, que foi cando saliu un dos actores en calzóns e fixo piruetas cos birlos. Inés
Veu Fran Alonso a Sanxenxo falou de moitas cousas pero de todas as que dixo me gustou moito unha que é así: ás persoas non lles gusta estar soas por exemplo a unha persoa maior que vive soa gústalle máis vivir nun piso porque así escoita ruídos e sabe que non está soa. Despois de que falase estiveron facendo actuacións Pista Catro, fixeron cinco actuacións, a que máis me gustou foi a do final que era de malabarismos. Os premios repartíronos Pista Catro houbo moitos premiados no noso instituto. A min encántome. Laura.
¿Quen mellor que os que asistiron ao Auditorio Emilia Pardo Bazán para relatarnos as súas impresións da entrega dos premios do IV Certame Literario?
O festival ao que asistín o día cinco de xuño, estivo bastante ben. Empezou falando Fran Alonso. Deu un discurso sobre a literatura, que en realidade, díxonos, non é necesaria. O que máis me sorprendeu foi cando contou que un sesenta por cento da poboación galega non le. Falou sobre cousas actuais o que me pareceu ben. Ao acabar Fran Alonso houbo un pequeno espectáculo feito por Pista Catro, eran catro mozos que se pelexaban por estar sentados nunha cadeira. Logo empezou a entrega de premios, comezando polos máis pequenos. Gustoume que entre os premios de cada categoría fixesen algún espectáculo de risa, con efectos visuais, en especial gustoume un que fixo un dos mozos deste grupo que era pasando unha bóla de cristal dunha man a outra e parecía que voaba. Ao final de todo antes de que acabase saíu un mozo en calzóns facendo malabares, foi moi gracioso. Neste certame quedei finalista, a verdade non mo esperaba, déronnos a todos os finalistas e premiados, un diploma, un libro titulado A aventura de escribir; e unha rosa. O ano pasado tamén me presentei pero non me seleccionaron, o que me fixo sentirme incapaz de escribir máis, pero ao final animeime porque creo que escribir axúdanos a expresar os nosos pensamentos e iso é realmente importante. Aixa
A entrega de premios do IV certame literario empezou coa charla dun escritor chamado Fran Alonso que nos ensinou que segundo leses un poema ou o entoases soaba dunha forma ou outra e fíxonos unha demostración cun poema de Xosé Neira Vilas. O que máis me gustou foron as actuacións de Pista 4 e sen dúbida as mellores foron a dos cócteles e a do malabarista. Creo que ir á entrega de premios valeu a pena, polo menos eu non me arrepinto. Paseimo xenial. Lucy
Aínda que xa sabiamos que non quedaramos entre os finalistas do certame literario decidimos ir á entrega de premios para desconectar dos exames e poder estar cos nosos amigos/as que gañaran o concurso. Antes da entrega de premios o escritor Fran Alonso deu unha charla sobre a importancia da lectura e a literatura na vida. Opinamos que en lugar de darnos soamente a súa opinión sobre eses temas debería deixar un tempo para que os espectadores fixésemoslle algunha pregunta sobre as súas obras, a súa forma de escribir ou que lle inspira para facer as súas obras… Desta forma a charla se faría máis amena. A entrega de premios foi presentada polos humoristas Pista Catro. Alternaron a recollida de premios de cada unha das distintas categorías cunha actuación súa. Conseguiron facer que o acto fose máis ameno, xa que fixeron rir e impresionaron a todo o público con malabarismos e acrobacias espectaculares. Ademais gastaron bromas aos gañadores e aos finalistas cando estes ían recoller os seus premios. Os gañadores quedaron sorprendidos a pesar de que xa sabían que estaban entre os finalistas. Na nosa opinión, a entrega debería realizarse no fin de semana, xa que ao facerse durante a semana moitos dos premiados non puideron asistir por mor dos exames. Desta forma non habería que dicirlle aos finalistas que foran premiados e manteríase durante máis tempo a tensión de saber quen ía ser o gañador. Daniel e Brais
Xusto ao entrar no gran edificio de Emilia Pardo Bazán deime conta de que isto ía ser divertido. Eu estaba xunto ao meu pai sentada nun confortable asento. Sentía unha onda de nerviosismo que enseguida se me pasou. Apagaron as luces cando iniciaron unha presentación seguida de aplausos. Saíu ao escenario o escritor Fran Alonso. O seu discurso mostraba que non todos os escritores eran raros como a maioría da xente pensa. Tamén comentou que se fixésemos un reconto mundial de libros os non literarios saían gañando. A súa charla foi longa, pero á vez rechamante coma se escoitásemos atentamente unha historia que nunca foi coñecida por ninguén. Tras outra onda de aplausos e suspiros saíron unha banda de homes raros vestidos con roupa e maquillaxe moi extraordinarios. O nome do seu grupo é Pista 4. Fixeron bastantes números divertidísimos. A entrega de premios foi inesperada. Non me seleccionaron pero non me boto atrás. O pasado ano quedei no posto de 1ª Finalista e iso bastoume, pero o que máis importa é participar e demostrar o teu talento. Ao acabar fun cunha bolsa de libros en nome da biblioteca IES Sanxenxo. Fran asinoumos cunhas palabras moi alegres. Sobre o certame opino que é un gran concurso onde poden participar todos os pequenos escritores. Pasámolo en grande. Oxalá sexa así o ano que vén, por que non? Ana
A visita ao Emilia Pardo Bazán resultoume unha experiencia nova e divertida. Empezando cunha visita do escritor Fran Alonso, que nos ensinou a importancia da lectura e moitas outras máis que nós descoñeciamos como a importancia do silencio, pois como o di tería que valer diñeiro. Seguidamente houbo unha actuación de Pista Catro cos seus números característicos. Entre o público sentíase tensión e diversión ao mesmo tempo, pois a entrega de premios achegábase, e os fantásticos malabaristas cun toque gracioso rompían entre o público tremendas gargalladas. Finalmente saín premiado finalista, algo que non mo esperaba, estou orgulloso de min mesmo. E o próximo ano ¡¡¡volverei apuntarme!!! Alexandro
Onte cando cheguei ao Emilia Pardo Bazán, atopeime cos meus amigos, estivemos xogando un intre, e logo entramos para ver o que sucedía. Fran Alonso, veu a darnos unha charla. Contounos que é aburrido estar un minuto sen falar e que o 20% dos libros son literatura, o 80% restante non. Falounos de cousas de hoxe en día e para acabar nos leu un poema. A continuación, veu Pista Catro, un grupo de catro homes, que facían malabarismos, obras de teatro e algún espectáculo que facía rir; a min o que máis me gustou foi o das cadeiras, ata chorei da risa. Para acabar dixeron os premiados no certame literario; eu participei pero non fun premiado como o ano pasado, que pena, a ver se no próximo quedo polo menos de finalista. Pero non me importou que non gañase, paseimo xenial apoiando aos meus amigos e divertinme moito que é o que conta. Álvaro
Eu acudín ao certame literario que se celebrou no Emilio Pardo Bazán o xoves cinco de xuño. Empezou falando un escritor bastante coñecido, Fran Alonso, deunos unha charla que trataba temas, como que o silencio custa diñeiro, ler era como subirse ao edificio máis alto da cidade e ver todo desde alí, tamén que o setenta por cento da xente galega non abriu un libro en toda a súa vida. Ben, eu vou ser sincera, fíxoseme longa. En comparación con Agustín Fernández Paz, Agustín contou un conto que me emocionou e ao saír de alí apetecíache comer todos os libros que atopases. Despois houbo un grupo de artistas chamado Pista Catro, quen fixeron que a entrega de premios fose máis amena. Isto non o podo comparar co pianista do ano pasado, pois me encantaron os dous. Sei que a algunhas persoas o pianista fíxoselle aburrido pero a min non, porque eu tamén o toco e é o meu hobbie. Os espectáculos deste grupo foron divertidos e emocionantes, o que mais me gustou foi que alternasen a entrega de premios coas actuacións. Fun finalista, pero eu non mo cría, aínda que o texto que escribín gustoume, lin o comezo e pronto as ideas acumulábanse na miña cabeza. O ano pasado tamén concursei e non gañei nada pero non me importou, porque o que máis me gusta é participar, para que este tipo de actividades sigan e aumente para demostrar que aos mozos interésanos a cultura. Espero que para o ano que vén sexamos aínda máis, e que saibades que eu volverei ir. María
O que dixo Fran Alonso foi un pouco desconcertante. Non é como os demais escritores que teñen o concepto da lectura como algo fantástico e marabilloso, non. El di que serve para sentirse libres, para saber vocabulario. para saber defenderse nas situacións importantes. Como el dixo, se o seu médico lle prohibise a lectura deixaríaa porque a lectura é un modo de vida, pero o máis importante é vivir. Eu penso que lle deben encantar os poemas porque aínda que dixo que eran coma bichos raros, a el nótaselle que lle gustan. El dálle sentimento ao recitar non como Pablo Neruda, a verdade que non por ser máis internacional é mellor. Algo que me chegou moi fondo foi cando falou da soidade, creo que ten o mesmo concepto que eu, que o ruído e a compañía son alegría , non a soidade e o silencio. Pista Catro foi un espectáculo que nunca esquecerei. Non me fixeron sentir tanta alegría ao estar con eles como tanta pena ao marchar. Esa tarde disfrutei dos mellores momentos de toda a semana. Máis que pallasos parecían meigos e en verdade érano, eran ilusionistas. Para min o mellor era Pablo, porque a verdade non sabías cando actuaban e cando non. Era impresionante. Os catro eran magníficos, o primeiro un pouco patoso, pero moi espontáneo cos seus cócteles. O segundo en verdade un ilusionista ou un mago que cunha bóla podía facer de todo; o presentador, o máis sinxelo pero encantador e Pablo era o mellor. Nunca me rein tanto! Sara
O que mais me gustou de Fran Alonso foi cando falou da soidade. Dixo que a ninguén lle gustaba estar só, a non ser que o quixese. Fran Alonso tamén ten o seu punto gracioso, como cando dixo antes ías ao cemiterio e tiñas medo de que che saíse un morto, agora tes medo de que che salga un tipo fumándose un peta. Tamén vin a Pista Catro que relacionaron a lectura coa diversión. Grazas a eles será mais divertido ler. As súas actuacións foron fabulosas e moi entretidas. Nerea e Rubén levaron os primeiros premios da categoría B. Lara
Nada máis chegar alí xa o sabía; era finalista. Senteime xunto aos meus amigos e pronto empezou a falar o escritor Fran Alonso. Gustoume moito o que dixo e o que máis me sorprendeu foi cando dixo que soamente o 20% dos libros eran literatura. Logo da charla de Fran Alonso, o grupo Pista Catro fixo un número de presentación e pronto comezaron a repartirse os premios. Chegaron á miña categoría, a B, e empezaron a dicir os finalistas. Acabaron e ían dicir o primeiro e segundo premio. Entón púxenme incriblemente nervioso: ou era primeiro ou segundo. De súpeto o presentador dixo: -E o segundo premio é para ¡Nerea Besada do IES Sanxenxo Iso significaba que eu fora primeiro e logo dixo o presentador: -E o primeiro premio é para ¡Rubén Garrido do IES ?Sanxenxo! Emocioneime moitísimo e subín ao escenario bastante nervioso. Déronme o premio e pronto baixamos todos e sentámonos. Logo repartiron os galardóns das demais categorías e finalmente fixeron uns cantos números de acrobacias e malabares e acabou a entrega de premios. Francamente, non cría cando escribín a miña historia que fose quedar en primeira posición, o ano pasado fun último finalista, e como moito pensaba que quedaría terceiro ou cuarto. Gustoume moitísimo o acto e sobre todo as actuacións. Espero poder volver participar o próximo ano. Rubén
O xoves 5 de xuño ás vinte horas terá lugar no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo a entrega de premios do IV CERTAME LITERARIO IES SANXENXO, no que participaron 140 estudantes dos centros do concello: CEIP de Dorrón, CEIP A Florida, IES de Vilalonga e os alumnos do propio instituto de Sanxenxo.
O acto da entrega de premios correrá a cargo do grupo Pista Catro, formado por actores de teatro, músicos, malabaristas, acróbatas e clowns, que nestes momentos está a percorrer os escenarios de Galicia coa obra KamiKace. Tamén contaremos coa presenza do escritor, filólogo, xornalista e editor Fran Alonso
Unha vez máis o IES de Sanxenxo a través da Biblioteca quere achegar o mundo da literatura e da creación na convicción que o desexo de escribir é un aval seguro para facer lectores. Para elo contamos nesta ocasión coa vosa colaboración: alumnado, profesorado, da Concellería de Cultura de Sanxenxo, da rede de bibliotecas municipais do concello, coa Librería NÓS e cos centros participantes que fan posible que este Certame se consolide entre os xoves estudantes. Grazas a todos por facelo posible. Que disfrutemos dunha boa tarde.
O dramaturgo Manuel Lourenzo ven de recibir o Premio Nacional da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas. Foi valorado polo xurado por ser o pai do teatro independente galego e destacar como actor, director, dramaturgo, autor de textos teatrais e ademais desenvolver un importante traballo de base como profesor. As súas contribucións á escena galega son abundantes e notables en todos estes campos, desde que en 1965 formara a súa primeira compañía, Grupo de Teatro O Facho, ata o traballo que desenvolve na actualidade na escola Casahamlet. Dende aquí enviamos ao autor e actor as nosas felicitacións e animamos aos membros presentes e futuros do Grupo Retrincos do noso centro -ou a quen quixer- á montaxe dalgunha das súas obras. Velaí vai un saboroso bocado do inicio de Cando chega decembro . A primeira acotación di así:
Asilo neogótico, con trepadeiras a aganchar polos muros pedreños, afirmando-se nas gretas, empecendo a carreira dos canos. As xanelas, veladas pola xelosia vexetal, ollos pechados prontos á palpitación cando se anuncia orxia. O xardin, envolvendo o edifício, matorral abafante, rico en sombras e siléncios. E xa como tapiz de fundo, a cordilleira, de cumes excelsos e nevados. Porque é inverno e estamos en Europa.
Unha biblioteca de tod@s e para to@s que garante o principio da igualdade de oportunidades.
Integrada no PLAN de MELLORA de BIBLIOTECAS ESCOLARES de GALICIA dende o 2006/7.