30/4/09

Na Biblioteca Municipal






Os rapaces de 1º veñen de rematar o obradoiro de formación de usuarios impartido polas bibliotecarias da rede do concello, dentro do programa Coñece a túa Biblioteca. Unha experiencia necesaria e imprescindible que contribue na mellora da autonomía e na capacidade de aprender a aprender.


A xuventude ten a palabra

Case cento sesenta rapaces e rapazas quixeron un ano máis rendirlle tributo á PALABRA. E van ser eles os que fagan uso dela para escribir narracións e poemas, demostrando unha vez máis, maila o que crean moitos, que a mocidade é participativa e sabe comportarse según o requiren as circunstancias.
No ximnaxio do instituto xuntáronse os compañeiros do IES de Vilalonga e os dos centros de Primaria adscritos, Dorrón, A Florida e o colexio de Portonovo, que se sumou este ano á iniciativa.
Parabéns a tod@s por contribuir coas vosas palabras e coa vosa actitude á realización deste Certame que cumpre xa cinco anos. Podemos dicir que medramos. Medramos en madurez, compromiso, en saber estar, no dominio da palabra...
No día da realización da proba todos e todas sodes merecedores do Premio!!!



A utopía da biblioteca escolar


Hoxe, na sección de opinión do Correo Gallego aparece publicado un artigo de MARGARIÑA VALDERRAMA, inspectora de Educación que estivo presente nos últimos Encontros de Bibliotecas Escolares en Santiago, no que deixa constancia do papel que as Bibliotecas escolares estamos a desenvolver nos centros educativos aquí en Galicia e da súa importancia de manter e impulsar este proxecto.

Estas son as súas palabras:

O día 14 deste mes lin nun xornal as declaracións que fixo o novo presidente, nas que afirmaba "que non ía derrubar o que se fixo ben". ´

Pois ben, tiven a sorte, polo meu traballo, de asistir aos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e participar durante dous días coa xente que traballa silenciosamente polas bibliotecas escolares e desde elas. Pensei de inmediato que este podería ser un dos proxectos que non se deben derrubar, senón impulsar para poder seguir cunha das utopías inesgotables que axudan a que o mundo progrese.

A biblioteca escolar é un dos motores que hai nos centros para a construción do coñecemento, dinamizando e sendo un elemento integrador para que todo o equipo docente traballe no proceso de aprendizaxe do noso alumnado, converténdose nun espazo útil e imprescindible.

Penso que todo está nos libros e todo o que está na rede tamén pode estar na biblioteca escolar, grazas ás ferramentas que nos ofrecen as novas tecnoloxías. Se conseguimos que os libros non estean en andeis pechados e que sexa moi visitada por todos, será un espazo vivo e dinámico e colaboraremos á mellora da comprensión lectora no máis amplo senso. Atreveríame a dicir que este tipo de biblioteca será o servidor central, centro neurálxico dende o que se dea resposta ás demandas que a sociedade de hoxe en día formulou. Investir na aventura de ler é unha das actuacións positivas que se poden continuar, xa que mellorará os resultados, que tanto levan dado que falar, na preparación que os nosos escolares deberan ter para afrontar os novos retos que o futuro dun país precisa.

29/4/09

TROPA DE TRAPO

O poder de seducción da palabra que o envolve todo creando unha atmósfera cálida, suxerente, misteriosa... xunto co poder da música, sempre unha boa aliada nestes casos, conseguiron nas voces e na melodía interpretada pola xove parella de Tropa de trapo cautivar a todos os que o luns 20 de abril nos xuntamos na Fundación Caixa Galicia.




Pero todavía hai máis. O turno agora é para os rapaces e son eles quen teñen a palabra e unha madeixa de lá. Cúmpre tirar do fío e botarlle algo de imaxinación para obter un bo resultado.

Son contos compartidos. Un grupo de rapaces dos centros de A Florida, Dorrón, Portonovo, Vilalonga e Sanxenxo reuníronse para coñecerse despois de participar na elaboración dun conto a través da rede.

Visitade o blog de Rubén para coñecer a súa opinión. Non deixes tampouco ti de ofrecernos a túa.

E se queres ver máis fotos ou saber máis acerca desta actividade visita o wiki dos contos compartidos.

15/4/09

Patasdepeixe:nova editorial en galego



Mesturas fainos chegar esta novidade editorial que nós recollemos para contibuir a súa difusión e como non para poder saborealo na nosa festa gastronómica do mes de abril.


Grazas, Charo, por servirnos tan delicioso manxar!!! Aquí o deixo cociñado da súa man:



A nova editorial PATASDEPEIXE edita un libro que está para comelo.


Non, esta non é a portada, é a traseira e cómpre vela antes de nada porque ten un aviso moi importante: Por favor non intente comer este libro na casa. Está ben que avisen porque o libro é tan delicioso que da gana de devoralo.
Ten aparencia dun conto infantil pero é unha historia para goce de cativos e maiores, con excelentes ilustracións, que fala dun neno que se achegou á lectura por unha indixestión de libros.
A presentación oficial do libro será en Santiago o vindeiro 29 de abril pero xa está en moitas librerías e se vos interesa podédelo pedir a editorial
Patasdepeixe .
Este é un libro mimado, primeiro produto desta nova, arriscada e fresca iniciativa editorial, eles din que é o seu primeiro peixiño, e nós desexamos que teñan moitos máis porque estamos necesitados de ter en galego contos, fantasías e realidades.
Por certo non deixedes de ler como argallaron o libro
nun proceso galego-anglo-chinés.
Publicado por MESTURAS los 4/14/2009 07:42:00

7/4/09

RECEITA DE COMO LER UN BO LIBRO

Abril asociámolo a LIBROS. Rebeca, de 1º ESO, gran lectora e amiga dos libros, envíanos esta receita para incorporar ao noso menú diario.
RECEITA DE COMO LER UN BO LIBRO
Ingredientes:
  • Un bo libro.
  • Unha estancia cómoda.
  • Un bo asento.
  • E un cerebro.

En primeiro lugar debe coller o seu libro e dirixirse á súa estancia cómoda. Asegúrese de preparar con antelación a estancia antes de comezar. A continuación sente no seu asento, póñase cómodo, é preferible que sexa un sofá cuns cantos coxíns ou unha cama quentiña, despois colla o seu libro e póñase a ler. Agora o único que ten que facer é relaxarse e deixar que a súa imaxinación faga o resto do traballo por vostede. E tanto pode porse a ler un libro de medo como un de aventuras ou do que vostede prefira. Iso non alterará nada o sabor.

Grazas, Rebeca.


Menú para o mes de abril


Como vén sendo habitual dende a BIBLIOTECA recomendamos cada mes libros relacionados coas conmemoracións e que podemos disfrutar na Hora de ler.

Neste mes de abril, expoñeranse todos os proxectos cos que estades a traballar que xiran arredor da alimentación e a gastronomía. Aquí van tres referencias a ter en conta para darnos unha boa panzada!!! Que a saboreedes!!!