30/4/10

Para que les?




Homenaxe ao libro e a lectura.

Iniciativa de Implicadas
Recopilación, selección e maquetación: O Segrel, Mesturas.
Grazas por capitanear este barco.
Grazas tamén ás persoas que chamamos a súa porta e atenderon a nosa petición.

29/4/10

Beatus qui legit




Unha homenaxe aos libros e aos lectores.  
Beatus qui legit, recollido do  profesor Alonso Montero.


Grazas a Biblioteca Milladoiro de Malpica pola galería de retratos compartida e a tod@s os que a fixeron realidade.


27/4/10

Escribo, I'm lovin' it.


    Máis de dous centenares de mozas e mozos  xuntáronse na mañá do venres 23 no pavillón do instituto para participar no VI Certame Literario. Este ano ademais dos centros habituais,  Magaláns-Dorrón, A Florida,  Portonovo e  o IES de Vilalonga, sumouse o IES As Bizocas do Grove.

     Durante hora e media, cun folio diante, a mente ben desperta e uns versos como guía os participantes tiveron que  tentar crear cadanseu universo, invertar mundos e personaxes, transmitir emocións, procurar unha idea orixinal, decidir a palabra xusta, precisa… Todo nun tempo acotado que fai que teñan que arriscar e escoller o camiño que  lles levará a un resultado final, que de non ser óptimo, non haberá o tempo para desandalo.

    A experiencia de vivir estas  horas de escritura en soidade, á vez que compartidas cos demais fainos sentir orgullosos da nosa labor como docentes e fai merecedores de premio aos participantes.

    De igual maneira, non podemos esquecer aos profesores e profesoras que os acompañaron e os animaron a escribir. Grazas pola vosa colaboración!


 
 



O hábito de organizar un contido mental e expresalo con claridade e corrección é a maior proba de madurez alcanzada polos bachareles e o mellor test para medir o avance do proceso educativo en todos os seus graos. Fernando Lázaro Carreter.


Máis fotos en A beira das palabras. Grazas!!
Reflexións sobre a escrita: As nosas creacións



Con Francisco Castro: a derrota da páxina en branco.


        ¿Pódese ensinar a escribir? Pérez Reverte afirmaba no Babelia do 17.04.2010 que ESCRIBIR non é tanto cuestión de talento como de constancia. O traballo, a dedicación e as lecturas son o camiño máis directo para ter éxito na creación literaria. Por iso os obradoiros literarios na educación obrigatoria deberían estar máis presentes no día a día e nas aulas.  As palabras son a  expresión e a representación do pensamento, nacen da necesidade de proxectarnos, de saír de nós. Están vencelladas á emoción e ao pensamento e polo tanto á condición humana. 

         Se pretendemos, por outra banda animar ao alumnado á lectura, non deberíamos esquecer que le  mellor quen escribe ou dito doutro xeito: o que escribe le necesariamente, pero non a inversa.  

         A mañá do martes 20 de abril Francisco Castro estivo no instituto. Os "aprendices de escritores" seguiron as súas pautas e desafiaron o folio en branco na busca da orixinalidade e a creación. Grazas, Francisco por contribuir a espallar esta semente na xente de futuro.








 

13/4/10

Os ollos dos nenos despregan velas...


Un día a man dun rapaz rozou a miña cuberta e eu sentín que despregaba as miñas velas e comezaba a navegar.

 



          Apréndese a xogar antes que a ler. E a cantar. Os nenos da miña terra entoabamos esta canción cando aínda ningún de nós sabiamos ler. Xuntabámonos en roda na rúa e, disputándonos as voces cos grilos do verán, cantabamos unha e outra vez a impotencia do barquiño que non sabía navegar. Ás veces fabricabamos barquiños de papel e poñiámolos nas pozas e os barquiños afondaban sen conseguir alcanzar costa ningunha.Eu tamén era un barco pequeno fondeado nas rúas do meu barrio. Pasaba as tardes nunha azotea mirando como o sol se poñía polo poñente, e albiscaba ao lonxe —non sabía aínda se ao lonxe do espazo ou ao lonxe do corazón— un mundo marabilloso que se estendía alén de onde alcanzaba a miña vista.

         Tras dunhas caixas, nun armario da miña casa, tamén había un libro pequeneiro que non podía navegar porque ninguén o lía. Cantas veces pasei pola súa beira sen decatarme de súa existencia. O barco de papel, atoado no lodo; o libro solitario, oculto no andel tras as caixas de cartón. Un día, a miña man, buscando algo, bateu co lombo do libro. Se eu fose libro contaríao así:
“Un día a man dun rapaz rozou a miña cuberta e eu sentín que despregaba as miñas velas e
comezaba a navegar
”.


          ¡Que sorpresa cando por fin os meus ollos tiveron en fronte aquel obxecto! Era un pequeno libro de pastas vermellas e filigranas douradas. Abrino expectante como quen encontra un cofre e ansía saber o seu contido. E non foi para menos. Nada máis empezar a ler comprendín que a aventura estaba servida: a valentía do protagonista, as personaxes bondadosas, os malvados, as ilustracións con frases a pé de páxina que miraba unha e outra vez, o perigo, as sorpresas…, todo me transportou a un mundo apaixonante e descoñecido.

         Desa maneira descubrín que alén da miña casa había un río, e que tras do río había un mar e que no mar, esperando levantar áncora, un barco. O primeiro ao que subín chamábase La Hispaniola, pero o mesmo daría que se chamase Nautilus, Rocinante, a nave de Simbad, a barcaza de Huckleberry, ….todos eles, por máis que pase o tempo, estarán sempre á espera de que os ollos dun neno despreguen as súas velas e lle fagan levantar áncora.


            Así que… non esperes máis, estende a túa man, toma un libro, ábreo, le: descubrirás, igual que na canción da miña infancia, que non hai barco, por pequeno que sexa, que en pouco tempo non aprenda a navegar.
                                               

                                       Eliacer Cansino. Manifesto do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil  



          Sumámonos á celebración deste día cunha experiencia que permite establecer pontes e crear lazos entre os participantes. Decidimos aprender a navegar da man dos rapaces  que apadriñaron lectores. Adrián dou lectura ao manifesto do escritor sevillano Eliacer Cansino recollendo a invitación de GALIX  e da OEPLI para o luns día 12.   O colexio de Magaláns-Dorrón abriunos as súas portas. Alí estaban agardando os lectores máis cativos. As madriñas e padriños levaban escollido cadanseu conto para ler e compartir cos afillad@s. As imaxes recollen os momentos vividos.  Ó rematar puideron debuxar e intercambiar as historias que botaron a navegar.

6/4/10

Book

Curioso e con inxenio, da man de O recanto de MIK chéganos este vídeo que ten como protagonista un dispositivo de coñecemento revolucionario. Escoitade pois: