29/5/11

Moita poesía, pouca diversión !!



O 10 de XUÑO con motivo da entrega dos premios do Certame Literario teremos con nós a María Lado e a Lucía Aldao co seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión.

En palabras de Edu Estévez a María Lado "parírona alá por 1979 nun coche da velvet underground nalgún lugar da nada que une a nada do cee que figura oficialmente como lugar de nacemento e santiago de compostela, a gran nada no centro da nada."

Lucía Aldao, nacida na Coruña, no barrio dos Mayos, como a ela lle gusta indicar, comparte con  María Lado o escenario recitando poemas e versionando cancións. Moita poesía, pouca diversión é un título cargado de ironía. O espectáculo, pretende chamar a atención daqueles que miran a poesía de reollo. Para Aldao e  Lado a lectura de poesía non pode ser algo que adormeza ao espectador.
 
Agardamos pois, que chegue o día. Estaremos ben despertos!!!




 
 

25/5/11

Letras galegas

 
Os Departamentos de Galego e Normalización Lingüística celebraron o Día das Letras Galegas  agasallándonos cun recital de poemas de Lois Pereiro.  O vídeo recolle a presentación do acto e un dos poemas, tal vez máis coñecidos do poeta, que foi tamén un guión para a televisión de Galicia, emitido o 25 de xullo de 1988.




Galicia... data

Run...
A. Auga. Aire. A Amnesia do vencido, a Atracción do Abismo, a Árbore xunta á Árbore, e a alegría do espazo circundante. A alma é o Atlántico e é o cantil o corpo da súa chamada Atro

B. Barroco: a Beleza usual feita materia en pedra no Bordo do Bosque omnipresente.
C. Calma. Castelao, Curros, Cunqueiro, Cultura, Celebración e Culpa: unha conciencia Céltica do Cosmos.

D. Difícil definir esa Dor, Dobregar o Destino, conseguir que o Desexo nos siga sendo útil. (Diluvia)

E. Espiral no Espazo Esférico. Emigración: Estímulo do noso Exilio interior que nos leva polo leste cara a Europa, polo mar cara ao Éxito e cara á Enfermidade, e sempre cara ao Eterno Extrañamento do Espírito.

F. Fogo de Fogar. Fantasía. Fábricas, Febre e Formas do Futuro, Figuras do pasado. O Fenómeno atmosférico da Felicidade, e todas as Festas do mañá...

G. Gráficas do Granito, auga e silencio, onde transborda a alma da Gulfstream. O xemir das Gaitas, e no carácter esa amable presenza da Graxa.

H. Historia: Herbicida o esquecemento. A Humidade, o "Horror vacui" e a Humildade impídennos converter a Historia en Heroísmo. Nosa Herdade adestrada na fuxida, coa sabedoría das feridas vellas, por nosas propias mans soamente vencidos.

I. Ironía: arte de converter o Inferno nun conto de Inverno.

J. Son oriental. Rotundidade sureña.

K. Kilowatios por terra mergullada.

L. Loito: manchas na paisaxe, bólas negras sobre o tapete verde.
M. Lega Mortos o Misterio da Música, pero o Miño vaise levando ese Misterio ao Mar.

N. Norte. Noite. Néboa. Negro: materia poética nacional.

Ñ. Nh/ gn/ ñ.

O. Oeste: "Galicia atende e obedece á chamada do Oeste" (R. Otero Pedrayo). Tantos séculos de Ofensas e de Esquecemento crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia xerará no Orgullo deste pobo apracible o destrutivo Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa.

P. Poesía. Patria. Paixón. Perigo de extinción, perdidos en nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferenza alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos. Paisaxes dispersas, aliñados entre os Perfís do Pasado, coa Presenza dunha vexetal sensación de eternidade. Paixón e Poses "punk", reflexos Postmodernos e altas horas nos diques urbáns da noite.

Q. Química da dor Quintaesencia do medo. Aí, pegado a min, quen ri?

R. Río: o Rumor da vida, a Relixión das augas. As Risas xorden sempre onde Reina a calma, na quietud profunda de quen coñece o Risco e domínao. Rural: corre sangue Rural por estas veas; e se algunha vez a Razón opón Resistencia, recoñécese o galego na terra, na lenta vitalidade da árbore, na invencible Resignación da herba.

S. O Son da Soidade e o Silencio. O Salvaxe Sarcasmo dos Soños do presente, e a Silente atracción polo Suicidio: o Sil. O Miño é o noso Sangue, o Sil a súa Sombra. Serenos e Sombríos, finalmente transcende o Sorriso astuto.
T. Terra. E o Tempo, e o Trastorno e as súas Tebras. A Tradición dunha triste Tenrura. A Terra é o principio, e todo existe nela e para ela.

U. Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños.
V. Vacas en Vales mollados, e a férrea Vontade dos Vellos encadeados á terra, co Vicio do seu fatalismo escéptico. Verde. Verde e máis Verde sobre outros Verdes, e por detrás: Verde.
W. Whisky: noite urbana. Galicia é Wagneriana, ou é máis ben un Wolfgang Amadeus enfermo de paisaxe, soñando con Sibelius?.
X. 25 de Xullo.
Y. e
Z. Fin
LOIS PEREIRO. Do libro POEMAS 1981/1991
 
 
 
 
 
 
 
 
 

18/5/11

Fahrenheit 451, hoxe e en galego

Que libro salvarías ti?

            A resposta a esta pregunta xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito. Preténdese difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.

No noso instituto os libros máis votados foron:


Tistes armas de Marina Mayoral

A sombra cazadora de Suso de Toro.



A idea desta iniciativa de Salvar un libro está baseada na obra de Ray Bradbury Fahrenheit 451. Se cada un de nós aprende de memoria un pequeno fragmento dunha obra, como símbolo de todo o seu contido, poderemos convertirnos en  persoas-libro e conservar o seu contido do esquecemento.


Para levar a cabo esta actividade contamos coa colaboración do Departamento de Galego e do  Equipo de Normalización Lgca do centro.
A iniciativa xurdeu dende as Bibliotecas Escolares, pilotadas polo IES Seoane, o IES Sánchez Cantón e a Escola Unitaria de Vide.
As ilustracións dos cartaces son autoría de  Jaime Eizaguirre, debuxante e arquitecto. A todos eles queremos agradecerlle a súa xenerosidade.

8/5/11

Autopsia de Lois Pereiro



Autopsia lírica de Lois Pereiro,  publicada en Estampas do mundo elegante en Edicións A Nosa Terra, polo xornalista e amigo Xesús Campos nos ofrece un retrato cercano ao home e ao poeta:

Hospital de tránsito de Berlín, habitación 319. Ou residencia comarcal en construción. Un billete de Castromil e unha longa espera nun piso descoñecido.

Sobre a mesa un paquete de tabaco, un bolígrafo, papeis e unha navalla amábel, das que non firen; das de cortar, separar e compartir o pan, os velenos e os versos en canal, coa limpeza e precisión do bisturí que escintila escaparates das tendas de material cirúrxico.

Uns ollos que se vencen no acougo da media-tarde, unhas estrofas que se van latexando, impelidas polo émbolo dos días que pasan como aguiolladas, como calendarios de parede.

Unha figura eléctrica, enxoita, despeiteada e sempre envolvida en negros e grises, como levando o loito en camaradaría, atravesa a rúa a toda présa, párase, esculca a ver quen hai, quen treme, quen leva.

A golpe de ar aberto, do tintinear das pingas de orballo que axexan os soportais, de filmes literarios, de sangues e máis ungüentos, van saíndo versos fríos, secos, contundentes e sen concesións ás gramáticas ociosas: velaí a riqueza da súa poesía, capaz de encerrar dez significados nun termo: de lexemas máxicos, de fonemas tóxicos, de silencios físicos péchase o poema como se pecha un trato. Saen así poemas de dúas, poemas de tres, poemas dun cuarto. Poemas polos aires e na cola dos cines de estrea, nas esquinas, nos portais...

Hai moitos bares, moitos cines e moitos poetas, mais sempre acabas quedándote cun par de bares, un par de cines, un par de poetas. Por aí anda o Luís Pereiro. Trátase agora de saber se se trata dun poeta, dun bar, dunha cafetaría; dun poeta que toma cervexa ou dunha cafetaría capaz de filmar poemas.


Xesús Campos ademais de xornalista foi humorista gráfico. Co seu lápiz, tamén trazou o retrato do autor homenaxeado polas Letras galegas.  Coa súa, outras miradas da man de Reimundo PatiñoPedro Villarejo, Antón Patiño, Lupe González...  e   Séchu Sende ofrécenos a súa visión especial do poeta. Un fermoso agasallo.




 

6/5/11

Marcapáxinas para as Letras Galegas

 Unha forma de dar a coñecer ao poeta homenaxeado este ano no día das Letras Galegas é a través dos puntos de lectura que vanse repartindo cos empréstitos. Para abrir boca.



.

4/5/11

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares

 A Asesoría de Biblioteca escolares acaba de subir  un vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares 2010/2011, que tiveron lugar en Santiago os días 7 e 8 de abril, aos que asistimos os responsables das bibliotecas integradas neste proxecto. Para máis información e ter acceso aos materiais entrar como convidado en redeBE