26/6/08

Premios nacionais da cultura galega

Alba Fuentes, compañeira e membro do equipo da Biblioteca tivo o privilexio de poder asistir á entrega dos Premios Nacionais en Santiago e vivir a emoción que alí se respiraba. Grazas a ela contamos con este artigo escrito pola súa curmá Oriana Méndez Fuentes brindándonos xenerosamente a súa colaboración.


Unha entrega histórica


O pasado sábado 14 de xuño, por volta das dez da noite, foron entregados os primeiros Premios Nacionais da Cultura Galega 2008 no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, nunha gala en que a música e a danza mesturaron con acerto elegante tradición e modernidade. O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; o vicepresidente, Anxo Quintana e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, foron os encargados de presidir o evento, no que tamén concorreros moitos outros representantes do Goberno e persoalidades públicas do mundo da cultura, feito que dotou ao acto da solemnidade que merece, pois esté é un acontecemento fundamental na nosa cultura. Débese reparar en que por vez primeira entréganse no noso país uns premios de carácter nacional, dispostos a recoñecer o labor dos nosos axentes da cultura, aquelas persoas e colectivos que fornecen o nosa historia. Nesta primeira edición, o xurado estivo composto por 15 persoalidades, e os dez galardoados foron os seguintes: o arquitecto Manuel Gallego Jorreto (na modalidade de Arquitectura e Espazos Públicos), o escultor Francisco Leiro (en Artes Visuais), a cantante Mercedes Peón (Música), o Museo do Pobo Galego (Cultura Tradicional e de Base), a profesora Margarita Ledo (en Cinema e Audiovisual) e o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín (Literatura), o edafólogo Francisco Díaz-Fierros (en Pensamento e Cultura Científica), a remodelación urbana de Pontevedra (na modalidade de Patrimonio Cultural), o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo (Artes Escénicas) e o Laboratorio de Formas (en Iniciativa Cultural). Na ceremonia de entrega, presentada por Sandra Tedín e Miguel Fernández, equipo do programa cultural Miraxes, destacou a sobrecolledora actuación musical de Mercedes Peón, que irrompeu no Pazo de Congresos coa potencia da máis profunda tradición, fuxindo de convencionalismos e levando a cabo unha verdadeira labor de creación que, de xeito ben meritorio, lle valeu o premio na categoría de Música. Nunha liña diferente, o músico M. C. García sorprendeu a todos ao recuperar os versos de Celso Emilio nunha clave de hip-hop defendida con orgullo, ritmo e decisión. Pola súa parte, os bailaríns do Centro Coreográfico Galego ofreceron dous treitos do seu espectáculo “Quiosco das almas perdidas”, acompañados pola música en directo de Mercedes Peón, enchendo a gala das doses exactas de diversidade e tradición. Finalmente, as actuacións de Xavier Díaz e dun cuarteto de corda da Real Filarmónica de Galicia, concluíron as intervencións musicais desta cerimonia. En palabras de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, que recolleu o premio á remodelación urbana de Pontevedra, “todos os premiados representan un impulso permanente á dignificación da nosa cultura”. Margarita Ledo, pola súa parte, desexou “o día que vexa unha película en galego subtitulada ao castelán". Sen dúbida, unha extensa e sentida ovación foi dirixida a Isaac Díaz Pardo, quen subiu ao escenario para recoller o Premio Nacional na modalidade de Iniciativa Cultural, e que conmoveu ao público coa súa presenza constante, unha vez máis, en prol da dignificación da cultura galega. A outra grande ovación foi para o premiado que pechou esta ceremonia histórica, Xosé Luis Méndez Ferrín, quen destacou que estes Premios Nacionais da Cultura Galega están “destinados a prevalecer polos séculos dos séculos”. Oriana Méndez Fuentes
<



No hay comentarios: