30/6/10

Balance dos préstamos

A demanda media mensual de recursos foi de 149 préstamos. Aínda que, como pode observarse na táboa, descendeu no mes de decembro no que, despois de terse realizado 179 préstamos no mes de novembro, baixáronse ós 90 nese mes. As solicitudes iniciaron un camiño ascendente a partir do mes de xaneiro, ata acadar o punto máximo no mes de maio cun total de 222 préstamos.


Con respecto a cursos anteriores a evolución do préstamo de fondos realizada pola Biblioteca do centro ten unha tendencia ascendente. Así o incremento deste curso escolar con respecto ao pasado acadou un 45% no acumulado do curso, pero esta tendencia tivo tamén o seu reflexo no mes a mes como se pode observar na  gráfica.
Finalmente destacar que esta unha maior demanda dos fondos dase tanto por parte do alumnado como das nais e do profesorado, facendo este último préstamos tanto a nivel individual como para o grupo-aula. A continuidade do club de lectura contribuíu tamén a este incremento.

Análise e valoración feita pola  profesora  Mª Carmen, encargada da xestión da Biblioteca.


A clase máis lectora resultou ser 1º C e os  máis lectores  Luis Ángel,  Javier, David e Samuel. Felicidades!




17/6/10

Escritores, poetas ... teñen a palabra!


Un defínese como escritor ou escritora cando solta palabrerías estúpidas que carecen de lóxica algunha ou de nais que as amamantan cos seus esquemas ideais dunha realidade estreita, por iso eu son escritora, ou algo parecido, creo. Os escritores son, somos perdoádeme, malpensados, fillos de mil follas de papel reciclado, macabros se tomamos café, romanticones, insoportables e tímidos excepcionalmente. Así que en definitiva, son escritora, cunhas cantas ou poucas virtudes e defectos larguísimos que seguen destinguindo a miña prosa comodona.
Supoño que por todo iso presenteime a este concurso literario, coas tres ou catro historias no peto, vestindo o meu capuchón de nervios incansables e disposta a espir o bolígrafo fronte á cuartilla de papel pálida. Ana Uhía


Premiados:

CATEGORÍA A:
  • IRMA OTERO VÁZQUEZ
  • ISABEL LIMA MARTÍNEZ
CATEGORÍA B:

  • CLARA VARELA LEIRO
  • THALIA GARCÍA ROCHA
CATEGORÍA C:
  • CARLOS SOUTULLO CASTIÑEIRAS
  • PATRICIA LÓPEZ FONTÁN
CATEGORÍA D:

  • LAURA CACHEDA QUIÑONES
  • SARA AGUÍN SARTAGES
Premio de ilustración:
  • ANA UHÍA PÉREZ
Noraboa a tod@s!!


O hábito de organizar un contido mental e expresalo con claridade e corrección é a maior proba de madurez alcanzada polos bachareles e o mellor test para medir o avance do proceso educativo en todos os seus graos. F. Lázaro Carreter



16/6/10

Con Yolanda Castaño

 
 
 
 
 

Esta poetisa, que moitos coñeceremos por presentar o programa "Cifras e Letras" da TVG, acudiu este pasado luns a darnos unha charla sobre a relación da súa vida coa poesía no VI Certame Literario, organizado polo I.E.S Sanxenxo. Neste certame máis de douscentos mozos mediron o seu talento na arte de escribir.
Volvendo con Yolanda, ela iniciou esta gala falando do seu novo comezo coa poesía, foinos relatando como ía gañando modestos concursos de poesía ata chegar aos máis importantes. Tras estes éxitos, ela decidiu que xa tiña suficientes poemas para escribir un libro, que máis tarde publicou. Todo isto acompáñoo con algúns dos seus poemas, normalmente de amor. Ela tamén falou de que a poesía era unha gran descoñecida para a maioría da xente, xa que esixía un pequeno esforzo lela, que non todos están dispostos a afrontar. Aínda que a poesía tamén era un camiño que moita xente seguía, pois moitas cancións son pura poesía, escondida entre a música, e moitos anuncios contiñan rimas que achegaban un atractivo ao produto. Definitivamente, foi unha reunión especial, que moitos recordaremos tanto como polos mozos premiados como pola fantástica actuación do grupo Elefante Elegante, e pola agradable compañía de Yolanda Castaño. Ricardo Rodiño





  •  Ela chegou, cos seus pantalóns rosas, a súa camiseta violeta, viva, brillante. Pelo larguísimo. Falounos sobre a poesía, e non só iso, falounos sobre a lectura, a arte e a vida. Transmitiu a súa visión para que encontrásemos a nosa. Descubriunos todas e cada unha das caras da poesía. E sobre todo mostrounos o traballo, que as cousas máis bonitas, moitas veces son as máis difíciles de conseguir. Raquel Lorenzo 

  • Aprendín, unha vez máis, que escribir non se trata de "debuxar" palabras nun papel. Non. O que plasmamos nese papel son sentimentos... e non debemos deixar de escribir se nos gusta, pois, simplemente, remataríasenos a maxia. É resumindo a mensaxe que, para a miña opinión, quería transmitirnos Yolanda Castaño na charla do luns. Esta moza, pero non por iso con menos experiencia, quixo que comprendésemos a paixón que ela sente ao escribir.

    Co que máis quedei de todo o que dixo, é que para conseguir un texto que nos guste, debemos esforzarnos... si, pero tamén debemos equivocarnos. Din que na vida de erros se aprende, non? Pois na escritura pasa exactamente o mesmo. E por que? Porque como mellor se aprende é engurrando ese papel e tirándoo ao lixo, porque tarde ou cedo te decatarás de que o que poñía podería ter sido un comezo para unha boa historia, para unha carta... entón arrepentiraste e irás correndo a escribir todo o que recordas e á fin e ao cabo sempre che acabará saíndo algo moito mellor. Así que, xa sabedes, o truco está en non deixar de escribir; pois se non, simplemente, se vos rematará a maxia. Marta Otero

  • Gústome como nos falou da poesía dun xeito distinto á que o tiñan feito antes, díxonos que os poemas non teñen que ser só "romanticones" e de desamor senón que tamén poden tratar sobre as aparencias: -O que poden esconder. -O que menten. -O que enganan. E tamén que sen traballo, sen coller unha folla e un boli e deixar voar a nosa imaxinación, non conseguiremos nada, sempre  hai que intentalo aínda que pensemos que nos vai saír mal. Sandra Viéitez

  • "Unha vez, nunha charla como esta, unha escritora deume un consello: non sigas ningún consello ' . Son palabras de Yolanda Castaño, unha muller alta, coa pel tizosa e a voz cantante,  que ademais de falar de poesía recitou poemas. Quedeime sobre todo con esta recomendación: que con traballo, un chisco de imaxinación e moito moito amor pola literatura en todas as súas posibilidades pode facer que chegues a pregoar a prosa que aniña no teu ventrículo, os litros de poesía que dormen nas túas arterias, e a gallardía das túas ideas ás antípodas da humanidade, deglutindo chuvias de  "deberías deixalo"  e "proba outras cousas" que azoutan e mollan a fibra sensible, que nos fai chover a nós tamén, pero sempre aparece o raio de "non fagas caso, ti podes! e vímonos arriba como colosos, como o Empire State, fortes, e escribimos, e sentimos en letras outra vez. Sara Norat

  •  Un pode comezar a  escribir poesía, contos, historias... mesmo libros,  por razóns moi diversas. Pódeste presentar a un  un concurso  porque necesitas algo de diñeiro ou  porque queres darte algún capricho, como nos dixo Y.C. que lle gustaban uns  pantalóns de coiro que custaban 100 euros e grazas a un pequeno concurso conseguiunos comprar e a partir de aí seguiu escribindo ata ata hoxe que segue escribindo poemas por que di que é a súa forma de expresar cousas que nunca podería explicar doutro xeito. Diego Cacabelos

  • A forma de ver a poesía de Yolanda Castaño pode chegar a ser inspiradora, por así dicilo. As súas poesías non encerran o mesmo, cada unha é distinta da outra. non se limita a falar do amor,  a amizade ou doutros temas semellantes, se non que da renda solta a súa imaxinación e nos mostra outras formas novas de entender a poesía. Thalia García

  • Éme un pouco difícil expresar o que  sinto cando tes diante túa alguén que acostumas ver na televisión. Como sempre a vía en Cifras e Letras... É moito máis guapa en persoa. No que máis me fixei cando estaba a dar a charla é en que recitaba os poemas divinamente, e non só recitábaos, senon que tamén articulaba os xestos dun xeito que facía que te meteses aínda máis no que dicía. Cando dixo o do pelo ela empezou a xogar co seu. Despois falounos de que ela era máis de letras que de cifras, o que é obvio. Debería escribir unha serie de novelas, desas que son moi grosas, con algún dos seus poemas polo medio, si, podería escribir a historia dunha poetisa que traballa nun concurso da televisión. Rebeca  Rodiño


  • O pasado luns celebrouse o fallo do xurado do VI Certame Literario organizado por este o noso instituto no auditorio de Emilia Pardo Bazán coa voz de Yolanda Castaño, que entrecortábaselle ao chegar ao final da páxina en branco. O abrazo dun público de nobeles promesas literarias e moitos outros asentos ocupados sumiuse nas palabras da poetisa que, con elegancia levou o seu discurso en todo momento perfecto con algo así como "non sigas ningún consello" que parecía unha paradoxe, mais non o era; este era o alento da túa propia autoridade na boca doutra persoa, o teu orgullo, os teus soños empurrando á irrealidade no verdadero e agora, agora supoño que nada nin ninguén, a min polo menos, me apartará do camiño, da meta, do que empuño non na cabeza...deixémonos levar polas palabras de Yolanda, polas nosas e oídos xordos ao "non o fagas". Ana Uhía


  • "Aínda que os meus libros non se publicasen eu seguiría escribindo" Quédome con esta frase súa. Realmente demostrou talento. Gustoume moito e agardo que volva. Brais  Portela



 
A prensa tamén recolle a celebración do acto.

 Podedes ler unha ampla reportaxe no blog de A profa. Grazas, Pilar. !!
 

10/6/10

Yolanda Castaño: Sanxenxo 14 de xuño.



AUTORRETRATO

Pero eu, filla das miñas fillas, hei desmantelar a golpe de deslumbramentos esta aciaga militancia dunha yolanda emigrante de min. Eu, a soberana estéril, a por desgracia egoísta. Debo tasar a dose exacta de memoria e esquezo. Así a miña visión da vereda é un rostro dende atrás. Todas as escuras raigames que se nacen en min. Non hai dirección que non me conteña, raza que non en min se comece e filas de díxitos extendendo para min os seus dedos ferais. O que interesa son os meus pasos. Coma un bosque de símbolos do que a miña ignorancia é significativa. Moito deixarse a pel pero eu non quixen aprender a chegar. Xardín exiguo, vento pechado de mans, infinita cuadrícula. Renuncio ó lugar do alento. Quero aprender a saír.



Hai tempo que un animal vive nutríndose do esquezo. Pero eu son a ventrílocua, eu, a tirana louca, a analfabeta. Co magnífico libro das venturas agochado na vulva. A que non comprendeu nada pero sentiuno todo. Son a ventrílocua, a que corre cantando polos corredores de chumbo, con voz de pizarra. E abortar foi unha obriga, unha necesidade fonda, un desafío. Para cando o pálido manto da miña memoria se vai cubrindo desta pel que eu serei. Que todas as noites con devoción escribo arrebatadoras cartas de amor e nas madrugadas panexíricos a esta yolanda mesquiña, que sabe venderse e coñece o final.

Son eu na cripta e o meu nome dentro debuxado de tiza. Habitacións concéntricas. Que a miña intelixencia non compre o meu sentido. O tacto, o privilexio, as ganas de tirarse. Nin a miña cabeza será escrava do meu orgullo. Yolanda a soldada, a comerciante. Porque eu son a que nin agarda. Son o auriga do ardente carro. A egoísta porque está soa. Que tanta calamidade me satisface, porque a miña beleza fundará dinastías. E entón será ir cunha minuciosidade de devota recolleitando eses minúsculos e ditosos pedaciños de espello roto que eu son. Yolanda farame un fogar paupérrimo entre os seus brazos de mundo e así aprenderei a inenarrable alegría de ter casa.

E entón virá ese postrímero advento e a verba farase carne. E eu direi: " Eu son a da única estirpe de Adnaloy, a que extenderá os seus dedos flamíxeros sobre o horizonte, a que baixará e despois se despoxará do seu manto e vestirá un saial, e logo reclinarase e dará de comer o seu corazón ás bestas”.

ALGUNHAS OBRAS
Yolanda Castaño estará no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo o luns 14 de xuño, ás oito da tarde, co gallo da entrega de premios da VII edición do Certame Literario IES Sanxenxo no que participaron os centros de Dorrón, Portonovo, A Florida, o IES de Vilalonga e ,este ano, por vez primeira o IES de As Bizocas de O Grove.

AGARDÁMOSVOS A TOD@S!!




3/6/10

Versos de Novoneira


Tan perto o canto che eu miro!
Coma se chegara a nembrar pro que eu nacera.
Xuventú!
Inda ainda, Xuventú.
  Uxío Novoneira. Tempo de elexía





Organizado por Normalización Lingüística e o Departamento de Galego os rapaces e rapazas de todos os niveis ofreceron aos seus compañeiros un recital poético como homenaxe a Uxío Novoneira. Voces claras nun día soleado do mes de maio.


2/6/10

Viaxe a Huesca.




O 28 de maio estabamos en terras aragonesas para recoller o premio otorgado ao proxecto que nestes últimos anos vén desenvolvendo o equipo da  Biblioteca. Unha viaxe de ida e volta,  breve pero intensa que nos permitiu poñer rostro aos compañeiros e compañeiras dos outros centros premiados de Galicia, así como a posibilidade de conversar con  persoas coas mesmas inquedanzas e intereses  e intercambiar experiencias.

Os diplomas foron entregados pola secretaria de Estado de Educación  Eva Almunia e por  María Victoria Broto, conselleira de Educación, Cultura e Deporte da comunidade aragonesa no Palacio Montcada de Fraga.

Ao comezo da celebración, os  alumnos do instituto Bajo Cinca ofreceron aos asistentes un menú poético e ao remate as nais do colexio Miguel Server representaron o conto  A que sabe a lúa.  Antonio Basanta, presidente da FGSR,  fixo a presentación do libro Bibliotecas escolares "entre comillas" co que nos agasallaron a cada un dos asistentes.
Visitar a Biblioteca do CEIP Miguel Server, coñecer a Mariano Coronas,  a súa dona e a naturalidade co que nos recibiron  foi a guinda da mañá.


 En Fraga (Huesca), cos compañeir@s dos outros centros de Galicia tamén premiados.