Autopsia lírica de Lois Pereiro, publicada en Estampas do mundo elegante en Edicións A Nosa Terra, polo xornalista e amigo Xesús Campos nos ofrece un retrato cercano ao home e ao poeta:
Hospital de tránsito de Berlín, habitación 319. Ou residencia comarcal en construción. Un billete de Castromil e unha longa espera nun piso descoñecido.
Sobre a mesa un paquete de tabaco, un bolígrafo, papeis e unha navalla amábel, das que non firen; das de cortar, separar e compartir o pan, os velenos e os versos en canal, coa limpeza e precisión do bisturí que escintila escaparates das tendas de material cirúrxico.
Uns ollos que se vencen no acougo da media-tarde, unhas estrofas que se van latexando, impelidas polo émbolo dos días que pasan como aguiolladas, como calendarios de parede.
Unha figura eléctrica, enxoita, despeiteada e sempre envolvida en negros e grises, como levando o loito en camaradaría, atravesa a rúa a toda présa, párase, esculca a ver quen hai, quen treme, quen leva.
A golpe de ar aberto, do tintinear das pingas de orballo que axexan os soportais, de filmes literarios, de sangues e máis ungüentos, van saíndo versos fríos, secos, contundentes e sen concesións ás gramáticas ociosas: velaí a riqueza da súa poesía, capaz de encerrar dez significados nun termo: de lexemas máxicos, de fonemas tóxicos, de silencios físicos péchase o poema como se pecha un trato. Saen así poemas de dúas, poemas de tres, poemas dun cuarto. Poemas polos aires e na cola dos cines de estrea, nas esquinas, nos portais...
Hai moitos bares, moitos cines e moitos poetas, mais sempre acabas quedándote cun par de bares, un par de cines, un par de poetas. Por aí anda o Luís Pereiro. Trátase agora de saber se se trata dun poeta, dun bar, dunha cafetaría; dun poeta que toma cervexa ou dunha cafetaría capaz de filmar poemas.
Xesús Campos ademais de xornalista foi humorista gráfico. Co seu lápiz, tamén trazou o retrato do autor homenaxeado polas Letras galegas. Coa súa, outras miradas da man de Reimundo Patiño, Pedro Villarejo, Antón Patiño, Lupe González... e Séchu Sende ofrécenos a súa visión especial do poeta. Un fermoso agasallo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario