28/1/13

Resultados da Avaliación Diagnóstica e lectura


En datas recentes, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo públicos os resultados da Avaliación Diagnóstica correspondente ao curso 2011/2012 (probas realizadas a alumnado que cursaba ese ano 4º de primaria e 2º de ESO). Aínda que non é nada novo para os mediadores e as mediadoras de lectura, confirma que aquel alumnado que dedica máis TEMPO DIARIO Á LECTURA é o que obtén mellores resultados na área de competencia lingüística, sendo estas diferenzas moi acusadas no alumnado de 2º de ESO. 

Este dato avala as prácticas dos centros educativos que inclúen no seu Proxecto Lector de Centro a "hora de ler", como un tempo diario, mínimo, dedicado á lectura. E as avala, porque aínda que esta cuestión sexa obrigatoria en ensino primario (30 minutos diarios dedicado á lectura), dependendo de como se leve a cabo pode ser mesmo contraproducente. 

Pero os centros que introducen a fórmula da "lectura silenciosa sostida" ou outras fórmulas de lectura individual dun libro que se queira ler, sen ter que responder a cuestionarios nin realizar actividades  escritas (aínda que se poidan comentar e  mesmo avaliar perfectamente o alcance destas lecturas), é dicir, cando introducen a lectura por pracer en horario lectivo, están dando unha oportunidade aos nenos e nenas, aos mozos e mozas, para poder dedicarlle un tempo a ese tipo de lectura, que non teñen doado no resto do día (demasiado ruído, horarios e rutinas pouco favorables á lectura nos ámbitos familiares de moitos deles). 

Así pois, organizar unha "hora de ler" nos centros educativos é traballar pola competencia lingüística do alumnado. Sempre o foi, pero cada día que pasa existen máis argumentos a favor deste tipo de iniciativas. 


Acceso aos resultados  completos

Fonte: Hora de ler

No hay comentarios: