30/4/09

A utopía da biblioteca escolar


Hoxe, na sección de opinión do Correo Gallego aparece publicado un artigo de MARGARIÑA VALDERRAMA, inspectora de Educación que estivo presente nos últimos Encontros de Bibliotecas Escolares en Santiago, no que deixa constancia do papel que as Bibliotecas escolares estamos a desenvolver nos centros educativos aquí en Galicia e da súa importancia de manter e impulsar este proxecto.

Estas son as súas palabras:

O día 14 deste mes lin nun xornal as declaracións que fixo o novo presidente, nas que afirmaba "que non ía derrubar o que se fixo ben". ´

Pois ben, tiven a sorte, polo meu traballo, de asistir aos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e participar durante dous días coa xente que traballa silenciosamente polas bibliotecas escolares e desde elas. Pensei de inmediato que este podería ser un dos proxectos que non se deben derrubar, senón impulsar para poder seguir cunha das utopías inesgotables que axudan a que o mundo progrese.

A biblioteca escolar é un dos motores que hai nos centros para a construción do coñecemento, dinamizando e sendo un elemento integrador para que todo o equipo docente traballe no proceso de aprendizaxe do noso alumnado, converténdose nun espazo útil e imprescindible.

Penso que todo está nos libros e todo o que está na rede tamén pode estar na biblioteca escolar, grazas ás ferramentas que nos ofrecen as novas tecnoloxías. Se conseguimos que os libros non estean en andeis pechados e que sexa moi visitada por todos, será un espazo vivo e dinámico e colaboraremos á mellora da comprensión lectora no máis amplo senso. Atreveríame a dicir que este tipo de biblioteca será o servidor central, centro neurálxico dende o que se dea resposta ás demandas que a sociedade de hoxe en día formulou. Investir na aventura de ler é unha das actuacións positivas que se poden continuar, xa que mellorará os resultados, que tanto levan dado que falar, na preparación que os nosos escolares deberan ter para afrontar os novos retos que o futuro dun país precisa.

No hay comentarios: