13/4/10

Os ollos dos nenos despregan velas...


Un día a man dun rapaz rozou a miña cuberta e eu sentín que despregaba as miñas velas e comezaba a navegar.

 



          Apréndese a xogar antes que a ler. E a cantar. Os nenos da miña terra entoabamos esta canción cando aínda ningún de nós sabiamos ler. Xuntabámonos en roda na rúa e, disputándonos as voces cos grilos do verán, cantabamos unha e outra vez a impotencia do barquiño que non sabía navegar. Ás veces fabricabamos barquiños de papel e poñiámolos nas pozas e os barquiños afondaban sen conseguir alcanzar costa ningunha.Eu tamén era un barco pequeno fondeado nas rúas do meu barrio. Pasaba as tardes nunha azotea mirando como o sol se poñía polo poñente, e albiscaba ao lonxe —non sabía aínda se ao lonxe do espazo ou ao lonxe do corazón— un mundo marabilloso que se estendía alén de onde alcanzaba a miña vista.

         Tras dunhas caixas, nun armario da miña casa, tamén había un libro pequeneiro que non podía navegar porque ninguén o lía. Cantas veces pasei pola súa beira sen decatarme de súa existencia. O barco de papel, atoado no lodo; o libro solitario, oculto no andel tras as caixas de cartón. Un día, a miña man, buscando algo, bateu co lombo do libro. Se eu fose libro contaríao así:
“Un día a man dun rapaz rozou a miña cuberta e eu sentín que despregaba as miñas velas e
comezaba a navegar
”.


          ¡Que sorpresa cando por fin os meus ollos tiveron en fronte aquel obxecto! Era un pequeno libro de pastas vermellas e filigranas douradas. Abrino expectante como quen encontra un cofre e ansía saber o seu contido. E non foi para menos. Nada máis empezar a ler comprendín que a aventura estaba servida: a valentía do protagonista, as personaxes bondadosas, os malvados, as ilustracións con frases a pé de páxina que miraba unha e outra vez, o perigo, as sorpresas…, todo me transportou a un mundo apaixonante e descoñecido.

         Desa maneira descubrín que alén da miña casa había un río, e que tras do río había un mar e que no mar, esperando levantar áncora, un barco. O primeiro ao que subín chamábase La Hispaniola, pero o mesmo daría que se chamase Nautilus, Rocinante, a nave de Simbad, a barcaza de Huckleberry, ….todos eles, por máis que pase o tempo, estarán sempre á espera de que os ollos dun neno despreguen as súas velas e lle fagan levantar áncora.


            Así que… non esperes máis, estende a túa man, toma un libro, ábreo, le: descubrirás, igual que na canción da miña infancia, que non hai barco, por pequeno que sexa, que en pouco tempo non aprenda a navegar.
                                               

                                       Eliacer Cansino. Manifesto do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil  



          Sumámonos á celebración deste día cunha experiencia que permite establecer pontes e crear lazos entre os participantes. Decidimos aprender a navegar da man dos rapaces  que apadriñaron lectores. Adrián dou lectura ao manifesto do escritor sevillano Eliacer Cansino recollendo a invitación de GALIX  e da OEPLI para o luns día 12.   O colexio de Magaláns-Dorrón abriunos as súas portas. Alí estaban agardando os lectores máis cativos. As madriñas e padriños levaban escollido cadanseu conto para ler e compartir cos afillad@s. As imaxes recollen os momentos vividos.  Ó rematar puideron debuxar e intercambiar as historias que botaron a navegar.

3 comentarios:

Loly dijo...

Unha xornada inesquecible para todos os que, de calquera xeito, participamos nela.
Por moitos máis momentos de lecturas compartidas!!

olga dijo...

Tecer un vínculo de complicidade entre un adolescente e un pequeno a través dun libro...¡que logro tan emocionante!

A profa dijo...

Deixamos no noso blog algo para vós. Grazas polo convite.
Apertas.

http://abeiradaspalabras.blogspot.com/2010/04/iv-certame-literario-ies-de-sanxenxo.html

Se ha producido un error en este gadget.