21/3/12

De amor e literatura


Xabier P. Docampo recolle en Catro cartas toda unha declaración de amor polos libros. Nas epístolas confésalles aos destinatarios o cariño que sente por eles e a importancia que teñen as palabras e a literatura nas súas relacións.

Serva de mostra uns fragmentos da carta ao fillo. 

Querido fillo:
( …) Sei que a miña vida durará tanto como eu perdure no teu recordo. Alí estarei con moi diversas caras e actitudes, e momentos, e... Serei, en fin, un recordo cheo de imaxes. Pero seguramente a que máis se repetirá será aquela na que me ves cun libro nas mans. Estamos a ler xuntos.

Xa sei, querido fillo, ás veces poñíame moi pesado. Como aquel día que che lía unha serie de contos que estaba a escribir. Tiñas catro ou cinco anos e, farto da tortura á que te estaba sometendo, fuxiches en busca da túa nai: " Mamá, mamá -berrabas-, que papá quere lerme outro conto e eu non quero! ". Aquela mesma noite pedíchesme que che contase un conto.

Acórdaste cando liamos cunha técnica que chamabamos "unha bicicleta para dous"? 
(…)

Por entón ti tiñas dez ou once anos e falabamos de libros de viaxes. Dixéchesme que che gustaría ler  A Odisea, pero parecíache un libro demasiado gordo. Propúxenche que o lésemos entre os dous coa técnica da bicicleta. Empezaches ti e cando deixaches a lectura puxeches entre as páxinas do libro un papeliño no que debuxaras unha bicicleta. Fixeras o esforzo de ler o primeiro capítulo completo. Despois empecei eu e adianteite, puxen o papel coa bicicleta debuxada no lugar onde parei. Ao día seguinte, antes de que empezases, conteiche todo o que lle pasara a Telémaco, entre o lugar no que o deixaras ti, (…)e onde o deixara eu. (…)


Lías cada día un anaquiño pequeno, supoño que te custaba entendelo. Pero querías que eu lese máis para que cho fose contando. Non recordo canto tempo tardamos en chegar xuntos a Itaca facendo o camiño "os dous nunha soa bicicleta", pero dende logo foi moito e moi feliz. (…) 

                                           Xavier P.Docampo. Texto adaptado de Cuatro cartas. Anaya. 2000








No hay comentarios: