16/4/12

As familias no punto de mira


           
    Ao longo de dúas tardes consecutivas o Auditorio Emilia Pardo Bazán reuniu a un público heteroxéneo que gozou arredor da lectura e dos libros. Nenos e nenas xunto coa mocidade dos distintos centros educativos de Sanxenxo, participaron en obradoiros diversos nos que puideron aproximarse ás historias, ás lendas urbanas, á poesía,  á linguaxe corporal, ó poder evocador da música... en espazos diferentes a súa aula, onde a creatividade e a sensación de liberdade  rompía os límites convencionais.

Queremos destacar a importancia de crear foros como este para poñer en valor o feito de ler. Facer visible a lectura como valor social, que transcende mais alá do acto individual de ler en silencio e para cada un de nós.  A lectura tamén se comparte cos outros; falamos tamén dos libros e a partir dos libros. E aí neste diálogo e conversa atoparemos os temas que son en definitiva a vida mesma.

            A Biblioteca escolar é un recurso con capacidade para apoiar e colaborar coas familias na formación de usuarios e na dinamización lectora, dando un paso mais alá das colaboracións en aspectos funcionais ou organizativos da mesma, necesarios igualmente.

            Como pais e nais é importante tomar conciencia para asumir a nosa responsabilidade como mediadores no proceso do hábito lector. A lectura ademais de ser un eixo do enriquecemento persoal é un instrumento para o fortalecemento dos afectos e das relacións entre as persoas. A lectura, por outra banda convértese na chave para a aprendizaxe e o éxito escolar dos nenos e das nenas.

            Estamos vivindo un momento de tránsito. Hoxe lemos dunha forma diferente a cando aprendemos a ler. As lecturas de hoxe non só se realizan con texto senón tamén con hipertexto. Lemos nas pantallas, nos teléfonos … No ámbito familiar é importante o papel que temos como educadores para non ser enganados pola rede.  De aí que necesitemos estar alfabetizados nas novas tecnoloxías.

A biblioteca escolar, unha vez máis resulta esencial como fonte de recursos na procura da información e como un recurso que posibilita a igualdade de oportunidades. As bibliotecas públicas e municipais tamén proporcionan estes medios ao alcance dos seus usuarios. Por todo isto xurde a necesidade de apoiarnos e coordinar os nosos esforzos nun proxecto común: LEMOSXUNTOS

Os días 12 e 13 de abril vimos estes esforzos materializados: docentes dos distintos centros educativos do concello, de diferentes niveis educativos poñendo o noso punto de mira máis alá das aulas e do alumno ao que se examina, conscientes da importancia do papel das nais e pais na educación, que tamén estiveron presentes neste proxecto común a través dos seus representantes nas ANPAS e nas lecturas compartidas cos seus fillos e fillas homenaxeando a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento. A materialización deste encontro de lectura e familias é  a suma de distintas entidades vinculados ao mundo do libro e da lectura: bibliotecas escolares e municipais, anpas, librerías, consellería de cultura e educación  a través da asesoría de bibliotecas escolares de Galicia, a concellería de educación e cultura do concello de Sanxenxo, e a colaboración de outras entidades  como Novagaliciabanco, colectivo Flu.or de A Coruña e moblería Nusco de Sanxenxo.

Xornadas que fixeron da lectura unha práctica féliz co esforzo de todas estas entidades, boa práctica e mostra, porque en palabras do profesor Juan Mata, “no compete unicamente aos profesionais da educación, tamén nas bibliotecas, nos fogares ou nas rúas xógase a sorte dun lector.”


GALERÍA DE IMAXES

NOS OBRADOIROS








NO AUDITORIO



NOS CORREDORES
/

+INFO:
http://lemosxuntosanxenxo.blogspot.com.es/ 
              http://aszocasfaladoras.blogspot.com.es/. Inclúe unha recensión da conferencia do profesor  
              Juan Mata e un fermoso vídeo da xornada do venres 13.    




No hay comentarios: