Di a lenda de Sant Jordi que segundo a tradición, a vila de Montblanc estaba a ser aterrorizada por un dragón. A besta instalárase aos arredores do pobo, infectando o aire e a auga co seu alento fedorento e causando estragos entre o gando. Na súa busca de alimento, cada vez aproximábase máis ás murallas, polo que os veciños tiveron que buscar unha forma de mantelo apartado.
Empezaron dándolle de comer ovellas; cando estas se remataron, seguiron cos bois, e logo cos cabalos. E por fin non tiveron máis remedio que sacrificar aos propios habitantes. Metéronse os nomes de todos nun pucheiro, tamén o do rei, e o da súa filla a princesa, e cada día unha man inocente decidía quen morrería a mañá seguinte.
E unha tarde a escollida foi a princesa. Din uns que o rei chorou e suplicou aos seus súbditos pola vida da súa filla, pero que de nada lle serviu, xa que non era o único pai desconsolado. Contan outros que o rei entregou á súa filla con valentía e enteireza. Sexa como for, a moza saíu das murallas e dirixiuse cara ao seu triste destino.
Cando o terrible dragón avanzaba cara a ela, xurdiu entre a bruma un cabaleiro sobre un cabalo branco que arremeteu contra a besta. O animal, ferido, someteuse ao cabaleiro, que lle atou ao colo un extremo do cinto da princesa. A dama tomou o outro extremo do cinto e, para pasmo dos poboadores de Montblanc, conduciu o dragón como a un cadelo ata a porta da cidade. Alí, á vista de todos, o cabaleiro rematou a besta dun golpe de lanza.
Din uns que o dragón se fundiu e foi absorbido pola terra. Contan outros que un gran charco de sangue se formou aos pés do cabaleiro. Sexa como for, naquel mesmo instante creceu unha roseira e das súas ramas xermolaron vermellos rosas. Jordi, que é como se chamaba o cabaleiro, obsequiou a princesa cunha desas rosas. Semellante xesta fixo que o santo cabaleiro alcanzase fama e popularidade durante a Idade media, e que fose escollido patrón da cabalaría e a nobreza.
Fonte: Sant Jordi 2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario