24/10/12

"O Olimpo"


Universos persoais: 

       "Parece mentira que poidan caber tantos libros nunha casa", reflexiona o escritor Antonio García Teijeiro ao verse rodeado dos preto de 16.000 exemplares que posúe. "Comecei cun cuarto para eles, repleto de estantes, pero foron aumentando e invadindo todos os espazos. E o curioso é que seguen entrando; é como un milagre permanente", describe.

         A literatura infantil e xuvenil, na que se inclúe o escritor, está a rozar o teito, mentres que dorme rodeado de poesía, unha das súas paixóns (máis de 3.000 obras) e discos-libro. Novela galega, estranxeira, castelá, latinoamericana; libros de ensaio literario e poético, memorias e biografías esténdense ao seu antollo polo resto da casa.

           Un lugar especial no seu salón, que García Teijeiro bautizou como "O Olimpo", é o "fogar" dos libros aos que ten un especial cariño. Alí "viven" os que lle dedicou Rafael Alberti, poeta co que mantivo unha relación estreita. O máis prezado é unha antoloxía en árabe. A xoia convive con outros exemplares de amigos como Casares, Ferrín, Haro Tecglen ou Dámaso Alonso. Os títulos de Celia, de Elena Fortún, que herdou da súa nai, é outro dos seus tesouros.

          Cos libros escritos por el, Teijeiro mantén un rito: "Gardo sempre catro exemplares e dous máis para cada fillo". "Sería imposible vivir sen libros e sen discos", conclúe convencido.

No hay comentarios: