Intento explicar aos meus alumnos as razóns e o misterio da lectura. O noventa por cento da poboación consume decote televisión: arredor de catro horas e media diarias. Os nosos rapaces e rapazas falan máis co televisor ca cos pais ou mesmo cos mestres na escola. Con tales referencias estamos a construír o mundo. Os libros son outra cousa. Fronte á pasividade no consumo da imaxe (a imaxe publicitaria e a imaxe televisiva sobre todo), a lectura é un acto individual da vontade, que accede así á información e ao coñecemento, tamén ao pracer do relato. A vida é un relato, unha longa e fascinante narración, que formulamos con palabras. Pensamos con palabras. Soñamos con palabras. Amamos con palabras.
Segundo o último Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España (2012), o 59,1 % da poboación le libros. Certo que en Galicia seguimos por debaixo da media española (55,2 %), en parte polas características da nosa sociedade, moi envellecida. Pero o 61,6 % dos galegos e as galegas lectores len (tamén) en galego. Velaquí un dato impensable hai algunhas décadas. Unha vez máis podemos ver o vaso medio cheo ou medio baleiro. Neste caso, aínda que paseniñamente, o vaso segue enchendo. Unha perspectiva optimista que quero salientar, pois a inmensa maioría desa poboación amiga dos libros anda por debaixo dos vinte anos. ¡Aquí é onde hai que seguir traballando!
O que vou dicir non é nada novo: as sociedades máis prósperas, máis desenvolvidas, con máis capacidade para afrontar o futuro, tamén nestes tempos de crise e difíciles encrucilladas, son sociedades lectoras. Sociedades onde o consumo de libros (non necesariamente libros mercados, tamén existen as bibliotecas e os préstamos) constitúe unha práctica habitual, interiorizada nos individuos e nas familias. Acceso á información e ao coñecemento a través do hábito lector, recomendación que repiten todos os organismos internacionais preocupados polo crecemento e mesmo pola saúde cultural (e democrática) das sociedades. Debería preocuparnos moi seriamente a merma case que radical de recursos que se está a aplicar neste ámbito, coa supresión de dotación de bibliotecas, desaparición de apoios a campañas lectoras e á produción editorial, abandono dun espazo estratéxico que, como non ten resultados inmediatos (a formación de capital humano recolle froitos a medio e longo prazo) seica non interesa, ou non cadra tan visible na foto.
Mais os datos están aí. Os lectores aumentan, tamén os lectores en galego, produto sen dúbida das accións que, mesmo con deficiencias (podíase facer bastante máis do que se fixo), viñeron artellándose durante todos estes anos, dende o ámbito administrativo e escolar e dende o ámbito editorial. Aínda coa crise, que tanto nos abafa e tanto nos deprime, os lectores aumentan. Sobre todo as lectoras, segundo os inquéritos.
¿Imos deixar que se estrague o espazo conquistado?
O libro segue a ser a base da revolución do coñecemento, alimento crítico da intelixencia, esa fiestra luminosa que tanto necesitamos.
VÍCTOR F. FREIXANES. La Voz de Galicia.10 de febrero de 2013
Alumnado de 1ºESO. Hora de Ler. Clase de Lingua Castelá. Febreiro 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario