9/6/08

Unha tarde irrepetible




¿Quen mellor que os que asistiron ao Auditorio Emilia Pardo Bazán para relatarnos as súas impresións da entrega dos premios do IV Certame Literario?


O festival ao que asistín o día cinco de xuño, estivo bastante ben. Empezou falando Fran Alonso. Deu un discurso sobre a literatura, que en realidade, díxonos, non é necesaria. O que máis me sorprendeu foi cando contou que un sesenta por cento da poboación galega non le. Falou sobre cousas actuais o que me pareceu ben.
Ao acabar Fran Alonso houbo un pequeno espectáculo feito por Pista Catro, eran catro mozos que se pelexaban por estar sentados nunha cadeira. Logo empezou a entrega de premios, comezando polos máis pequenos. Gustoume que entre os premios de cada categoría fixesen algún espectáculo de risa, con efectos visuais, en especial gustoume un que fixo un dos mozos deste grupo que era pasando unha bóla de cristal dunha man a outra e parecía que voaba. Ao final de todo antes de que acabase saíu un mozo en calzóns facendo malabares, foi moi gracioso.
Neste certame quedei finalista, a verdade non mo esperaba, déronnos a todos os finalistas e premiados, un diploma, un libro titulado A aventura de escribir; e unha rosa. O ano pasado tamén me presentei pero non me seleccionaron, o que me fixo sentirme incapaz de escribir máis, pero ao final animeime porque creo que escribir axúdanos a expresar os nosos pensamentos e iso é realmente importante.
Aixa



A entrega de premios do IV certame literario empezou coa charla dun escritor chamado Fran Alonso que nos ensinou que segundo leses un poema ou o entoases soaba dunha forma ou outra e fíxonos unha demostración cun poema de Xosé Neira Vilas.
O que máis me gustou foron as actuacións de Pista 4 e sen dúbida as mellores foron a dos cócteles e a do malabarista. Creo que ir á entrega de premios valeu a pena, polo menos eu non me arrepinto. Paseimo xenial.
Lucy

Aínda que xa sabiamos que non quedaramos entre os finalistas do certame literario decidimos ir á entrega de premios para desconectar dos exames e poder estar cos nosos amigos/as que gañaran o concurso.
Antes da entrega de premios o escritor Fran Alonso deu unha charla sobre a importancia da lectura e a literatura na vida. Opinamos que en lugar de darnos soamente a súa opinión sobre eses temas debería deixar un tempo para que os espectadores fixésemoslle algunha pregunta sobre as súas obras, a súa forma de escribir ou que lle inspira para facer as súas obras… Desta forma a charla se faría máis amena.
A entrega de premios foi presentada polos humoristas Pista Catro. Alternaron a recollida de premios de cada unha das distintas categorías cunha actuación súa. Conseguiron facer que o acto fose máis ameno, xa que fixeron rir e impresionaron a todo o público con malabarismos e acrobacias espectaculares. Ademais gastaron bromas aos gañadores e aos finalistas cando estes ían recoller os seus premios.
Os gañadores quedaron sorprendidos a pesar de que xa sabían que estaban entre os finalistas. Na nosa opinión, a entrega debería realizarse no fin de semana, xa que ao facerse durante a semana moitos dos premiados non puideron asistir por mor dos exames. Desta forma non habería que dicirlle aos finalistas que foran premiados e manteríase durante máis tempo a tensión de saber quen ía ser o gañador.
Daniel e Brais






Xusto ao entrar no gran edificio de Emilia Pardo Bazán deime conta de que isto ía ser divertido. Eu estaba xunto ao meu pai sentada nun confortable asento. Sentía unha onda de nerviosismo que enseguida se me pasou.
Apagaron as luces cando iniciaron unha presentación seguida de aplausos. Saíu ao escenario o escritor Fran Alonso. O seu discurso mostraba que non todos os escritores eran raros como a maioría da xente pensa. Tamén comentou que se fixésemos un reconto mundial de libros os non literarios saían gañando. A súa charla foi longa, pero á vez rechamante coma se escoitásemos atentamente unha historia que nunca foi coñecida por ninguén.
Tras outra onda de aplausos e suspiros saíron unha banda de homes raros vestidos con roupa e maquillaxe moi extraordinarios. O nome do seu grupo é Pista 4. Fixeron bastantes números divertidísimos.
A entrega de premios foi inesperada. Non me seleccionaron pero non me boto atrás. O pasado ano quedei no posto de 1ª Finalista e iso bastoume, pero o que máis importa é participar e demostrar o teu talento.
Ao acabar fun cunha bolsa de libros en nome da biblioteca IES Sanxenxo. Fran asinoumos cunhas palabras moi alegres.
Sobre o certame opino que é un gran concurso onde poden participar todos os pequenos escritores. Pasámolo en grande. Oxalá sexa así o ano que vén, por que non?
Ana




A visita ao Emilia Pardo Bazán resultoume unha experiencia nova e divertida. Empezando cunha visita do escritor Fran Alonso, que nos ensinou a importancia da lectura e moitas outras máis que nós descoñeciamos como a importancia do silencio, pois como o di tería que valer diñeiro.
Seguidamente houbo unha actuación de Pista Catro cos seus números característicos. Entre o público sentíase tensión e diversión ao mesmo tempo, pois a entrega de premios achegábase, e os fantásticos malabaristas cun toque gracioso rompían entre o público tremendas gargalladas.
Finalmente saín premiado finalista, algo que non mo esperaba, estou orgulloso de min mesmo. E o próximo ano ¡¡¡volverei apuntarme!!!
Alexandro



Onte cando cheguei ao Emilia Pardo Bazán, atopeime cos meus amigos, estivemos xogando un intre, e logo entramos para ver o que sucedía. Fran Alonso, veu a darnos unha charla. Contounos que é aburrido estar un minuto sen falar e que o 20% dos libros son literatura, o 80% restante non. Falounos de cousas de hoxe en día e para acabar nos leu un poema.
A continuación, veu Pista Catro, un grupo de catro homes, que facían malabarismos, obras de teatro e algún espectáculo que facía rir; a min o que máis me gustou foi o das cadeiras, ata chorei da risa.
Para acabar dixeron os premiados no certame literario; eu participei pero non fun premiado como o ano pasado, que pena, a ver se no próximo quedo polo menos de finalista. Pero non me importou que non gañase, paseimo xenial apoiando aos meus amigos e divertinme moito que é o que conta. Álvaro



Eu acudín ao certame literario que se celebrou no Emilio Pardo Bazán o xoves cinco de xuño.
Empezou falando un escritor bastante coñecido, Fran Alonso, deunos unha charla que trataba temas, como que o silencio custa diñeiro, ler era como subirse ao edificio máis alto da cidade e ver todo desde alí, tamén que o setenta por cento da xente galega non abriu un libro en toda a súa vida. Ben, eu vou ser sincera, fíxoseme longa. En comparación con Agustín Fernández Paz, Agustín contou un conto que me emocionou e ao saír de alí apetecíache comer todos os libros que atopases.
Despois houbo un grupo de artistas chamado Pista Catro, quen fixeron que a entrega de premios fose máis amena. Isto non o podo comparar co pianista do ano pasado, pois me encantaron os dous. Sei que a algunhas persoas o pianista fíxoselle aburrido pero a min non, porque eu tamén o toco e é o meu hobbie. Os espectáculos deste grupo foron divertidos e emocionantes, o que mais me gustou foi que alternasen a entrega de premios coas actuacións.
Fun finalista, pero eu non mo cría, aínda que o texto que escribín gustoume, lin o comezo e pronto as ideas acumulábanse na miña cabeza. O ano pasado tamén concursei e non gañei nada pero non me importou, porque o que máis me gusta é participar, para que este tipo de actividades sigan e aumente para demostrar que aos mozos interésanos a cultura.
Espero que para o ano que vén sexamos aínda máis, e que saibades que eu volverei ir. María


O que dixo Fran Alonso foi un pouco desconcertante. Non é como os demais escritores que teñen o concepto da lectura como algo fantástico e marabilloso, non. El di que serve para sentirse libres, para saber vocabulario. para saber defenderse nas situacións importantes. Como el dixo, se o seu médico lle prohibise a lectura deixaríaa porque a lectura é un modo de vida, pero o máis importante é vivir. Eu penso que lle deben encantar os poemas porque aínda que dixo que eran coma bichos raros, a el nótaselle que lle gustan. El dálle sentimento ao recitar non como Pablo Neruda, a verdade que non por ser máis internacional é mellor. Algo que me chegou moi fondo foi cando falou da soidade, creo que ten o mesmo concepto que eu, que o ruído e a compañía son alegría , non a soidade e o silencio.
Pista Catro foi un espectáculo que nunca esquecerei. Non me fixeron sentir tanta alegría ao estar con eles como tanta pena ao marchar. Esa tarde disfrutei dos mellores momentos de toda a semana. Máis que pallasos parecían meigos e en verdade érano, eran ilusionistas. Para min o mellor era Pablo, porque a verdade non sabías cando actuaban e cando non. Era impresionante. Os catro eran magníficos, o primeiro un pouco patoso, pero moi espontáneo cos seus cócteles. O segundo en verdade un ilusionista ou un mago que cunha bóla podía facer de todo; o presentador, o máis sinxelo pero encantador e Pablo era o mellor. Nunca me rein tanto! Sara



O que mais me gustou de Fran Alonso foi cando falou da soidade. Dixo que a ninguén lle gustaba estar só, a non ser que o quixese. Fran Alonso tamén ten o seu punto gracioso, como cando dixo antes ías ao cemiterio e tiñas medo de que che saíse un morto, agora tes medo de que che salga un tipo fumándose un peta. Tamén vin a Pista Catro que relacionaron a lectura coa diversión. Grazas a eles será mais divertido ler. As súas actuacións foron fabulosas e moi entretidas. Nerea e Rubén levaron os primeiros premios da categoría B.
Lara



Nada máis chegar alí xa o sabía; era finalista. Senteime xunto aos meus amigos e pronto empezou a falar o escritor Fran Alonso. Gustoume moito o que dixo e o que máis me sorprendeu foi cando dixo que soamente o 20% dos libros eran literatura.
Logo da charla de Fran Alonso, o grupo Pista Catro fixo un número de presentación e pronto comezaron a repartirse os premios. Chegaron á miña categoría, a B, e empezaron a dicir os finalistas. Acabaron e ían dicir o primeiro e segundo premio. Entón púxenme incriblemente nervioso: ou era primeiro ou segundo. De súpeto o presentador dixo:
-E o segundo premio é para ¡Nerea Besada do IES Sanxenxo
Iso significaba que eu fora primeiro e logo dixo o presentador:
-E o primeiro premio é para ¡Rubén Garrido do IES ?Sanxenxo!
Emocioneime moitísimo e subín ao escenario bastante nervioso. Déronme o premio e pronto baixamos todos e sentámonos.
Logo repartiron os galardóns das demais categorías e finalmente fixeron uns cantos números de acrobacias e malabares e acabou a entrega de premios.
Francamente, non cría cando escribín a miña historia que fose quedar en primeira posición, o ano pasado fun último finalista, e como moito pensaba que quedaría terceiro ou cuarto. Gustoume moitísimo o acto e sobre todo as actuacións. Espero poder volver participar o próximo ano.
Rubén

No hay comentarios: