Mostrando entradas con la etiqueta Lingua galega. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lingua galega. Mostrar todas las entradas

25/1/13

Unha escritora de L.I.X. na Academia


RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria


        Con Fina Casalderrey entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).

        Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representados por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!

         
Fonte: Rede Lectura

    Dende a Biblioteca do IES de SANXENXO congratulámonos desta boa nova e sumámonos aos parabéns de todas as bibliotecas galegas. Noraboa, Fina!!





19/12/12

Onde o mundo se chama Celanova


Alumnos e alumnas de 1º, 2º e 4º ESO puxéronlle voz e música ós versos do poeta Celso Emilio Ferreiro para homenexear o centenario do seu nacemento e o cincuenta aniversario da publicación de Longa noite de pedra. Sumámonos deste xeito, aos actos colectivos que se viñeron facendo nos distintos centros educativos de toda Galicia.  


Departamento de Galego, Normalización Lingüística e Biblioteca.

12/12/12

Doce do doce do dous mil doce con Celso Emilio




No mes de abril tivo lugar en Sanxenxo o I Encontro de lectura e familia  Lemosxuntos no que participamos as bibliotecas dos centros de A Florida, Magaláns, Portonovo, o IES de Vilalonga e o noso instituto coa colaboración das ANPAS, as librerías e concellería de Educación e Cultura. Daquela quixemos xa homenaxear ó poeta de Celanova. Nais e pais elexiron poemas de Celso Emilio Ferreiro para recitar a dúas voces cos seus fillos e fillas.   O resultado pódese ver neste vídeo editado polas compañeiras de Vilalonga  e co queremos sumarnos ao acto colectivo #recitandocelsoemilio o 12/12/12.



12/12/11

Un día en Sanxenxo


Nos 50 anos da primeira edición da miña novela Memorias dun neno labrego recibo homenaxes, contesto entrevistas, asino exemplares do libro e convídanme para encontros con estudantes. Este ir e vir abarca toda Galicia. Manteño coloquios moi interesantes con rapazas e rapaces das catro provincias. Converso cos profesores e con frecuencia cos alcaldes, que soen achegarme o libro de visitas para que escriba algo, e algúns entréganme o escudo municipal.
Para calquera autor estes xestos colectivos son moi estimulantes, e máis coma neste caso por tratarse dun libro publicado hai medio século. Esta vez foi en Sanxenxo. Un acto entrañable. Organizouno o instituto local xunto co Concello e a libraría Nós. Reuninme co alcalde e varios concelleiros. Recibín cordiais saúdos de benvida. Estaba presente Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, da Xunta. Dixen unhas palabras de gratitude e falei do aviador Piñeiro que tiña sido alcalde naquel concello, e entregáronme unha réplica do monumento que alí erixiron na súa memoria.
No auditorio falei de libros, da emigración a América e da significación da lingua galega. Mantiven un animado coloquio con estudantes. Algúns recibiron na ocasión premios dun concurso literario. O acto presentárono e amenizárono María Lado e Lucía Aldao.
O máis singular foi que dende días antes mantiveron expostos 61 debuxos e 78 cartas dos estudantes dirixidas a Balbino (o protagonista das Memorias) e a min. Nenas e nenos manifestaron dese xeito a súa tenrura e cordialidade. Pertencen ós CEIP de Magdalena, A Florida, Portonovo, e os IES de Vilalonga e Sanxenxo. Coordinou todo a bibliotecaria Dolores Tobío, que días despois me trouxo a Gres, encadernados, os testemuños estudiantís expresados nesas cartas e debuxos. Un xesto de verdadeiros amigos. Xosé Neira Vilas
Publicado  por  Correo Gallego o 11-12-2011
Na imaxe, Xosé Neira Vilas coas poetas María Lado e Lucía Aldao o 10 de xuño no Auditorio Emila Pardo Bazán de Sanxenxo.

Unha tarde inesquecible de sabiduría, xenerosidade e calidez humana.   Mil grazas!

13/6/11

Palabras e cores no 50 cumpreanos da publicación de Memorias dun neno labrego

A NOSA HOMENAXE  A XOSÉ NEIRA VILAS
Un traballo en equipo, no que colaboraron os centros participantes no VII Certame Literario ( IES de Vilalonga, CEIP A Florida, CEIP de Dorrón e CEIP de Portonovo) xunto coa rede de Bibliotecas Municipais do concello de Sanxenxo, fixo posible esta homenaxe - exposición. Como mostra algunhas imaxes:




 
 
        Tamén formou parte da exposición un vídeo que gravaron os rapaces e rapazas de 4º ESO e do Club de Lectura do IES de VILALONGA. Cliqueando no enlace podedes velos e oílos. Un gustazo!
 
 
 
 

Petiscos da vida e obra de Neira Vilas



25/5/11

Letras galegas

 
Os Departamentos de Galego e Normalización Lingüística celebraron o Día das Letras Galegas  agasallándonos cun recital de poemas de Lois Pereiro.  O vídeo recolle a presentación do acto e un dos poemas, tal vez máis coñecidos do poeta, que foi tamén un guión para a televisión de Galicia, emitido o 25 de xullo de 1988.




Galicia... data

Run...
A. Auga. Aire. A Amnesia do vencido, a Atracción do Abismo, a Árbore xunta á Árbore, e a alegría do espazo circundante. A alma é o Atlántico e é o cantil o corpo da súa chamada Atro

B. Barroco: a Beleza usual feita materia en pedra no Bordo do Bosque omnipresente.
C. Calma. Castelao, Curros, Cunqueiro, Cultura, Celebración e Culpa: unha conciencia Céltica do Cosmos.

D. Difícil definir esa Dor, Dobregar o Destino, conseguir que o Desexo nos siga sendo útil. (Diluvia)

E. Espiral no Espazo Esférico. Emigración: Estímulo do noso Exilio interior que nos leva polo leste cara a Europa, polo mar cara ao Éxito e cara á Enfermidade, e sempre cara ao Eterno Extrañamento do Espírito.

F. Fogo de Fogar. Fantasía. Fábricas, Febre e Formas do Futuro, Figuras do pasado. O Fenómeno atmosférico da Felicidade, e todas as Festas do mañá...

G. Gráficas do Granito, auga e silencio, onde transborda a alma da Gulfstream. O xemir das Gaitas, e no carácter esa amable presenza da Graxa.

H. Historia: Herbicida o esquecemento. A Humidade, o "Horror vacui" e a Humildade impídennos converter a Historia en Heroísmo. Nosa Herdade adestrada na fuxida, coa sabedoría das feridas vellas, por nosas propias mans soamente vencidos.

I. Ironía: arte de converter o Inferno nun conto de Inverno.

J. Son oriental. Rotundidade sureña.

K. Kilowatios por terra mergullada.

L. Loito: manchas na paisaxe, bólas negras sobre o tapete verde.
M. Lega Mortos o Misterio da Música, pero o Miño vaise levando ese Misterio ao Mar.

N. Norte. Noite. Néboa. Negro: materia poética nacional.

Ñ. Nh/ gn/ ñ.

O. Oeste: "Galicia atende e obedece á chamada do Oeste" (R. Otero Pedrayo). Tantos séculos de Ofensas e de Esquecemento crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia xerará no Orgullo deste pobo apracible o destrutivo Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa.

P. Poesía. Patria. Paixón. Perigo de extinción, perdidos en nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferenza alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos. Paisaxes dispersas, aliñados entre os Perfís do Pasado, coa Presenza dunha vexetal sensación de eternidade. Paixón e Poses "punk", reflexos Postmodernos e altas horas nos diques urbáns da noite.

Q. Química da dor Quintaesencia do medo. Aí, pegado a min, quen ri?

R. Río: o Rumor da vida, a Relixión das augas. As Risas xorden sempre onde Reina a calma, na quietud profunda de quen coñece o Risco e domínao. Rural: corre sangue Rural por estas veas; e se algunha vez a Razón opón Resistencia, recoñécese o galego na terra, na lenta vitalidade da árbore, na invencible Resignación da herba.

S. O Son da Soidade e o Silencio. O Salvaxe Sarcasmo dos Soños do presente, e a Silente atracción polo Suicidio: o Sil. O Miño é o noso Sangue, o Sil a súa Sombra. Serenos e Sombríos, finalmente transcende o Sorriso astuto.
T. Terra. E o Tempo, e o Trastorno e as súas Tebras. A Tradición dunha triste Tenrura. A Terra é o principio, e todo existe nela e para ela.

U. Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños.
V. Vacas en Vales mollados, e a férrea Vontade dos Vellos encadeados á terra, co Vicio do seu fatalismo escéptico. Verde. Verde e máis Verde sobre outros Verdes, e por detrás: Verde.
W. Whisky: noite urbana. Galicia é Wagneriana, ou é máis ben un Wolfgang Amadeus enfermo de paisaxe, soñando con Sibelius?.
X. 25 de Xullo.
Y. e
Z. Fin
LOIS PEREIRO. Do libro POEMAS 1981/1991
 
 
 
 
 
 
 
 
 

18/5/11

Fahrenheit 451, hoxe e en galego

Que libro salvarías ti?

            A resposta a esta pregunta xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito. Preténdese difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.

No noso instituto os libros máis votados foron:


Tistes armas de Marina Mayoral

A sombra cazadora de Suso de Toro.



A idea desta iniciativa de Salvar un libro está baseada na obra de Ray Bradbury Fahrenheit 451. Se cada un de nós aprende de memoria un pequeno fragmento dunha obra, como símbolo de todo o seu contido, poderemos convertirnos en  persoas-libro e conservar o seu contido do esquecemento.


Para levar a cabo esta actividade contamos coa colaboración do Departamento de Galego e do  Equipo de Normalización Lgca do centro.
A iniciativa xurdeu dende as Bibliotecas Escolares, pilotadas polo IES Seoane, o IES Sánchez Cantón e a Escola Unitaria de Vide.
As ilustracións dos cartaces son autoría de  Jaime Eizaguirre, debuxante e arquitecto. A todos eles queremos agradecerlle a súa xenerosidade.

8/5/11

Autopsia de Lois Pereiro



Autopsia lírica de Lois Pereiro,  publicada en Estampas do mundo elegante en Edicións A Nosa Terra, polo xornalista e amigo Xesús Campos nos ofrece un retrato cercano ao home e ao poeta:

Hospital de tránsito de Berlín, habitación 319. Ou residencia comarcal en construción. Un billete de Castromil e unha longa espera nun piso descoñecido.

Sobre a mesa un paquete de tabaco, un bolígrafo, papeis e unha navalla amábel, das que non firen; das de cortar, separar e compartir o pan, os velenos e os versos en canal, coa limpeza e precisión do bisturí que escintila escaparates das tendas de material cirúrxico.

Uns ollos que se vencen no acougo da media-tarde, unhas estrofas que se van latexando, impelidas polo émbolo dos días que pasan como aguiolladas, como calendarios de parede.

Unha figura eléctrica, enxoita, despeiteada e sempre envolvida en negros e grises, como levando o loito en camaradaría, atravesa a rúa a toda présa, párase, esculca a ver quen hai, quen treme, quen leva.

A golpe de ar aberto, do tintinear das pingas de orballo que axexan os soportais, de filmes literarios, de sangues e máis ungüentos, van saíndo versos fríos, secos, contundentes e sen concesións ás gramáticas ociosas: velaí a riqueza da súa poesía, capaz de encerrar dez significados nun termo: de lexemas máxicos, de fonemas tóxicos, de silencios físicos péchase o poema como se pecha un trato. Saen así poemas de dúas, poemas de tres, poemas dun cuarto. Poemas polos aires e na cola dos cines de estrea, nas esquinas, nos portais...

Hai moitos bares, moitos cines e moitos poetas, mais sempre acabas quedándote cun par de bares, un par de cines, un par de poetas. Por aí anda o Luís Pereiro. Trátase agora de saber se se trata dun poeta, dun bar, dunha cafetaría; dun poeta que toma cervexa ou dunha cafetaría capaz de filmar poemas.


Xesús Campos ademais de xornalista foi humorista gráfico. Co seu lápiz, tamén trazou o retrato do autor homenaxeado polas Letras galegas.  Coa súa, outras miradas da man de Reimundo PatiñoPedro Villarejo, Antón Patiño, Lupe González...  e   Séchu Sende ofrécenos a súa visión especial do poeta. Un fermoso agasallo.




 

14/7/10

Primeiras lecturas, primeiros mestres.

             Os amigos da UNED, capitaneados nesta ocasión por José Antonio Ponte Far (profesor de instituto), invítanme a falar en Ferrol de vellos mestres. Mestres con distintos rexistros e influencias diversas, dos que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento: Torrente Ballester e Carballo Calero, ferroláns os dous. O terceiro é Luis Seoane, ao que haberá que volver noutra oportunidade. Os tres naceron no ano do cometa, tal que gustaba de lembrar don Ricardo cando falaba da súa xeración. Referíase ao cometa Halley, que disque cada 75 anos pasa por onda nós anunciando toda clase de prodixios, catástrofes e milagres.



            Falamos dos mestres ferroláns e acabamos falando do bacharelato. Dicía Rilke que a patria do home é a súa infancia, que na infancia é onde se asentan os principios das cousas, a visión do mundo que nos ha de acompañar durante toda a vida (mitos, soños, valores, imaxinación, referencias, memoria). Max Aub afinou un pouco máis. «Un é de onde fixo o bacharelato», explicou nunha ocasión. O bacharelato ou ese periodo de tempo de formación que vai dende o final da infancia á primeira mocidade e que é onde o ser humano afronta os primeiros interrogantes, as primeiras angustias, as primeiras experiencias de confusión ou caos existencial (o sexo, o sentimento amoroso, a perda dalgún ser querido, a soidade, os primeiros fracasos, as primeiras traicións, a incerteza diante do futuro). De súpeto, os pais deixan de ser a solución que non se discute, a autoridade que nos protexe; vémonos obrigados a aceptar que nin sempre teñen razón nin sempre saben exactamente o que han facer, tan confusos coma o resto dos mortais, e algo aínda máis importante: que a vida que nos toca vivir irremediablemente habemos de vivila nós, sen paracaídas, sen o proteccionismo de outros. Nesa idade de encrucillada, que as máis das veces identificamos coa adolescencia, aparece case sempre a literatura, os primeiros libros.



               Aparecen moitas máis cousas, por suposto. Pero tamén os libros. Non as lecturas de obrigado cumprimento, consumo regrado e exame de fin de trimestre que o sistema vén instalando dun tempo para acó, non. Falo da literatura, dos libros. E naturalmente, dos mestres, esa voz que anuncia e pon nas mans do lector ou da lectora a páxina axeitada no momento axeitado.



             Porque cada lector ten un libro agardando por el, escrito para el, case diría que editado e fabricado para el: para axudalo a descubrir a vida. Se cadra non as respostas ás grandes preguntas ás que me refería antes, mais a experiencia compartida (a través da palabra, a curación da palabra), coma quen viaxa por entremedias de espellos polos que outros viaxaron antes, e que nos acompañan no camiño.



            ¿A que vén lembrar a don Ricardo e don Gonzalo? Don Gonzalo, profesor en Pontevedra nos anos da nosa adolescencia, puxo un día nas miñas mans de mozote que empezaba A peste , de Albert Camus, e Follas novas , de Rosalía de Castro. Don Ricardo, anos despois, Merlín e familia , de Álvaro Cunqueiro. Nunca llelo agradecerei abondo. Víctor Freixanes


                                                                                     La Voz de Galicia; domingo 11 de xullo de 2010

3/6/10

Versos de Novoneira


Tan perto o canto che eu miro!
Coma se chegara a nembrar pro que eu nacera.
Xuventú!
Inda ainda, Xuventú.
  Uxío Novoneira. Tempo de elexía





Organizado por Normalización Lingüística e o Departamento de Galego os rapaces e rapazas de todos os niveis ofreceron aos seus compañeiros un recital poético como homenaxe a Uxío Novoneira. Voces claras nun día soleado do mes de maio.


22/1/10

O ensino en galego




 Hoxe moitas aulas quedaron baleiras. A lingua galega está no punto de mira. Santiago  foi hoxe o escenario dunha multitudinaria manifestación en defensa do noso idioma.

Achegamos a ligazón para poder ler o documento de análise da Real Academia Galega das bases para o Decreto do plurilingüismo no ensino non universitario en Galicia.

Recollemos tamén desde o Blogue da Biblioteca do C.E.I.P. Frian - Teis o Decálogo elaborado polos Servizos Lingüísticos das Universidades catalanas no ano 2008, co gallo do Ano Internacional das Linguas, traducido pola nosa compañeira, Adelia Troncoso, do IES Val de Tea e maquetado por Mónica Muñoz do CEIP Frián.






Decálogo para ser lingüísticamente sostibles