12/12/11

Un día en Sanxenxo


Nos 50 anos da primeira edición da miña novela Memorias dun neno labrego recibo homenaxes, contesto entrevistas, asino exemplares do libro e convídanme para encontros con estudantes. Este ir e vir abarca toda Galicia. Manteño coloquios moi interesantes con rapazas e rapaces das catro provincias. Converso cos profesores e con frecuencia cos alcaldes, que soen achegarme o libro de visitas para que escriba algo, e algúns entréganme o escudo municipal.
Para calquera autor estes xestos colectivos son moi estimulantes, e máis coma neste caso por tratarse dun libro publicado hai medio século. Esta vez foi en Sanxenxo. Un acto entrañable. Organizouno o instituto local xunto co Concello e a libraría Nós. Reuninme co alcalde e varios concelleiros. Recibín cordiais saúdos de benvida. Estaba presente Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, da Xunta. Dixen unhas palabras de gratitude e falei do aviador Piñeiro que tiña sido alcalde naquel concello, e entregáronme unha réplica do monumento que alí erixiron na súa memoria.
No auditorio falei de libros, da emigración a América e da significación da lingua galega. Mantiven un animado coloquio con estudantes. Algúns recibiron na ocasión premios dun concurso literario. O acto presentárono e amenizárono María Lado e Lucía Aldao.
O máis singular foi que dende días antes mantiveron expostos 61 debuxos e 78 cartas dos estudantes dirixidas a Balbino (o protagonista das Memorias) e a min. Nenas e nenos manifestaron dese xeito a súa tenrura e cordialidade. Pertencen ós CEIP de Magdalena, A Florida, Portonovo, e os IES de Vilalonga e Sanxenxo. Coordinou todo a bibliotecaria Dolores Tobío, que días despois me trouxo a Gres, encadernados, os testemuños estudiantís expresados nesas cartas e debuxos. Un xesto de verdadeiros amigos. Xosé Neira Vilas
Publicado  por  Correo Gallego o 11-12-2011
Na imaxe, Xosé Neira Vilas coas poetas María Lado e Lucía Aldao o 10 de xuño no Auditorio Emila Pardo Bazán de Sanxenxo.

Unha tarde inesquecible de sabiduría, xenerosidade e calidez humana.   Mil grazas!

No hay comentarios: