16/6/10

Con Yolanda Castaño

 
 
 
 
 

Esta poetisa, que moitos coñeceremos por presentar o programa "Cifras e Letras" da TVG, acudiu este pasado luns a darnos unha charla sobre a relación da súa vida coa poesía no VI Certame Literario, organizado polo I.E.S Sanxenxo. Neste certame máis de douscentos mozos mediron o seu talento na arte de escribir.
Volvendo con Yolanda, ela iniciou esta gala falando do seu novo comezo coa poesía, foinos relatando como ía gañando modestos concursos de poesía ata chegar aos máis importantes. Tras estes éxitos, ela decidiu que xa tiña suficientes poemas para escribir un libro, que máis tarde publicou. Todo isto acompáñoo con algúns dos seus poemas, normalmente de amor. Ela tamén falou de que a poesía era unha gran descoñecida para a maioría da xente, xa que esixía un pequeno esforzo lela, que non todos están dispostos a afrontar. Aínda que a poesía tamén era un camiño que moita xente seguía, pois moitas cancións son pura poesía, escondida entre a música, e moitos anuncios contiñan rimas que achegaban un atractivo ao produto. Definitivamente, foi unha reunión especial, que moitos recordaremos tanto como polos mozos premiados como pola fantástica actuación do grupo Elefante Elegante, e pola agradable compañía de Yolanda Castaño. Ricardo Rodiño





  •  Ela chegou, cos seus pantalóns rosas, a súa camiseta violeta, viva, brillante. Pelo larguísimo. Falounos sobre a poesía, e non só iso, falounos sobre a lectura, a arte e a vida. Transmitiu a súa visión para que encontrásemos a nosa. Descubriunos todas e cada unha das caras da poesía. E sobre todo mostrounos o traballo, que as cousas máis bonitas, moitas veces son as máis difíciles de conseguir. Raquel Lorenzo 

  • Aprendín, unha vez máis, que escribir non se trata de "debuxar" palabras nun papel. Non. O que plasmamos nese papel son sentimentos... e non debemos deixar de escribir se nos gusta, pois, simplemente, remataríasenos a maxia. É resumindo a mensaxe que, para a miña opinión, quería transmitirnos Yolanda Castaño na charla do luns. Esta moza, pero non por iso con menos experiencia, quixo que comprendésemos a paixón que ela sente ao escribir.

    Co que máis quedei de todo o que dixo, é que para conseguir un texto que nos guste, debemos esforzarnos... si, pero tamén debemos equivocarnos. Din que na vida de erros se aprende, non? Pois na escritura pasa exactamente o mesmo. E por que? Porque como mellor se aprende é engurrando ese papel e tirándoo ao lixo, porque tarde ou cedo te decatarás de que o que poñía podería ter sido un comezo para unha boa historia, para unha carta... entón arrepentiraste e irás correndo a escribir todo o que recordas e á fin e ao cabo sempre che acabará saíndo algo moito mellor. Así que, xa sabedes, o truco está en non deixar de escribir; pois se non, simplemente, se vos rematará a maxia. Marta Otero

  • Gústome como nos falou da poesía dun xeito distinto á que o tiñan feito antes, díxonos que os poemas non teñen que ser só "romanticones" e de desamor senón que tamén poden tratar sobre as aparencias: -O que poden esconder. -O que menten. -O que enganan. E tamén que sen traballo, sen coller unha folla e un boli e deixar voar a nosa imaxinación, non conseguiremos nada, sempre  hai que intentalo aínda que pensemos que nos vai saír mal. Sandra Viéitez

  • "Unha vez, nunha charla como esta, unha escritora deume un consello: non sigas ningún consello ' . Son palabras de Yolanda Castaño, unha muller alta, coa pel tizosa e a voz cantante,  que ademais de falar de poesía recitou poemas. Quedeime sobre todo con esta recomendación: que con traballo, un chisco de imaxinación e moito moito amor pola literatura en todas as súas posibilidades pode facer que chegues a pregoar a prosa que aniña no teu ventrículo, os litros de poesía que dormen nas túas arterias, e a gallardía das túas ideas ás antípodas da humanidade, deglutindo chuvias de  "deberías deixalo"  e "proba outras cousas" que azoutan e mollan a fibra sensible, que nos fai chover a nós tamén, pero sempre aparece o raio de "non fagas caso, ti podes! e vímonos arriba como colosos, como o Empire State, fortes, e escribimos, e sentimos en letras outra vez. Sara Norat

  •  Un pode comezar a  escribir poesía, contos, historias... mesmo libros,  por razóns moi diversas. Pódeste presentar a un  un concurso  porque necesitas algo de diñeiro ou  porque queres darte algún capricho, como nos dixo Y.C. que lle gustaban uns  pantalóns de coiro que custaban 100 euros e grazas a un pequeno concurso conseguiunos comprar e a partir de aí seguiu escribindo ata ata hoxe que segue escribindo poemas por que di que é a súa forma de expresar cousas que nunca podería explicar doutro xeito. Diego Cacabelos

  • A forma de ver a poesía de Yolanda Castaño pode chegar a ser inspiradora, por así dicilo. As súas poesías non encerran o mesmo, cada unha é distinta da outra. non se limita a falar do amor,  a amizade ou doutros temas semellantes, se non que da renda solta a súa imaxinación e nos mostra outras formas novas de entender a poesía. Thalia García

  • Éme un pouco difícil expresar o que  sinto cando tes diante túa alguén que acostumas ver na televisión. Como sempre a vía en Cifras e Letras... É moito máis guapa en persoa. No que máis me fixei cando estaba a dar a charla é en que recitaba os poemas divinamente, e non só recitábaos, senon que tamén articulaba os xestos dun xeito que facía que te meteses aínda máis no que dicía. Cando dixo o do pelo ela empezou a xogar co seu. Despois falounos de que ela era máis de letras que de cifras, o que é obvio. Debería escribir unha serie de novelas, desas que son moi grosas, con algún dos seus poemas polo medio, si, podería escribir a historia dunha poetisa que traballa nun concurso da televisión. Rebeca  Rodiño


  • O pasado luns celebrouse o fallo do xurado do VI Certame Literario organizado por este o noso instituto no auditorio de Emilia Pardo Bazán coa voz de Yolanda Castaño, que entrecortábaselle ao chegar ao final da páxina en branco. O abrazo dun público de nobeles promesas literarias e moitos outros asentos ocupados sumiuse nas palabras da poetisa que, con elegancia levou o seu discurso en todo momento perfecto con algo así como "non sigas ningún consello" que parecía unha paradoxe, mais non o era; este era o alento da túa propia autoridade na boca doutra persoa, o teu orgullo, os teus soños empurrando á irrealidade no verdadero e agora, agora supoño que nada nin ninguén, a min polo menos, me apartará do camiño, da meta, do que empuño non na cabeza...deixémonos levar polas palabras de Yolanda, polas nosas e oídos xordos ao "non o fagas". Ana Uhía


  • "Aínda que os meus libros non se publicasen eu seguiría escribindo" Quédome con esta frase súa. Realmente demostrou talento. Gustoume moito e agardo que volva. Brais  Portela



 
A prensa tamén recolle a celebración do acto.

 Podedes ler unha ampla reportaxe no blog de A profa. Grazas, Pilar. !!
 

1 comentario:

Biblioafonso dijo...

A verdade que é unha gran comunicadora e sabe achegarse fanásticamente á mocidade tal e como lemos nos comentarios. Saúdos.